Convenio Oficinas e despachos Pontevedra

O pasado 7 de febreiro mantivemos a última reunión da negociación do convenio de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra, onde tan só se presentaron dúas persoas por parte da patronal xa que supostamente, ao non recibir unha proposta por escrito pola parte social, consideraban que non era necesaria a reunión.

CCOO trasladamos que a proposta de táboas salariais presentada na última reunión pola patronal nos podería servir como punto de partida para o ano 2023, actualizando previamente todas as categorías que estivesen por baixo do SMI e establecendo unha diferenza de 80€ entre categorías. A partir de aí poderiamos empezar a negociar a suba salarial para os próximos anos, pero sen tocar en ningún momento a antigüidade. 

A sorpresa atopámola cando a CIG, sindicato que ten a maioría da representación SOCIAL na mesa, ofreceulle á patronal rebaixar a antigüidade a un 4% do salario base por trienio cun tope máximo do 40% (actualmente 5% por bienio cun tope do 60%). Para isto convocou no seu momento folga e mobilizacións, facéndolle perder diñeiro ao persoal?

O agasallo da CIG á patronal suporía unha perda económica e un enorme risco para os cadros de persoal no futuro. Lembremos que durante 12 anos non houbo interese por parte da patronal de negociar o convenio, e precisamente a antigüidade foi a que permitiu que os salarios subisen minimamente cada dous anos.

CCOO non está disposta a asinar un convenio que supoña unha perda de dereitos para o persoal do sector de Oficinas e Despachos da Provincia de Pontevedra.


Este artículo se publicó originalmente en GALICIA (Federación de Galicia) ,