Tras quince meses de negociación, CCOO fixo valer a súa condición de sindicato maioritario en CTAG e o apoio en asemblea do cadro de persoal para acadar un paquete de medidas innovadoras e históricas.
O teletraballo, que xa estaba implantado na empresa como medida de protección covid, finalizaría este xoves 10. Co acordo de teletraballo, regúlanse as condicións do persoal teletraballador e dáse continuidade a unha modalidade de traballo moi valorada polo persoal técnico. CCOO consegue finalmente teletraballo ao 100 %, cláusula para evitar a deslocalización e compromiso para ampliar o comedor do persoal na modalidade presencial.
En materia de flexibilidade, CCOO conseguiu que o cadro de persoal dispoñan dun intervalo de entrada de 6:30 a 9:45 e que poida axustar a xornada ordinaria diaria entre 7 e 10 horas diarias, respectando o total semanal de 40 horas. Trátase dunha medida de flexibilidade horaria pioneira en Galicia.
Canto a salarios, conséguese un incremento inmediato do 6,3 %, que será conxugado con futuras melloras do convenio sectorial de enxeñerías. CCOO CTAG sempre defendeu que a revisión salarial era inaprazable, e conseguimos adicionalmente acordar coa dirección que se abra unha mesa de diálogo sobre adecuación salarial colectiva en CTAG que complemente o convenio sectorial de enxeñerías. O incremento salarial anterior só ten que ser unha medida de contención.
Con estas medidas, CCOO CTAG pretende axudar a dirección a frear a fuga de traballadores a outras empresas con mellores condicións. No último semestre, CCOO ten rexistrada a escapada de, polo menos, 34 enxeñeiros e enxeñeiras que atesouraban un total de 300 anos de experiencia. Isto está producindo un intercambio de persoal altamente cualificado e elevada experiencia por persoal bolseiro sen experiencia. Polo tanto, as esperanzas de supervivencia do centro dependen necesariamente de que se adecúen os salarios ao mercado e así poder reter o talento.