Estes compromisos chegan após as reunións que na
última semana mantivo a sección sindical de CCOO en Tragsatec -unha das
empresas do Grupo Tragsa- cos grupos parlamentarios. O sindicato pediu
as reunións tras a sentenza emitida polo Tribunal Supremo o pasado 14 de
outubro en que declaraba «axustado a dereito» o procedemento de
despedimento colectivo. A decisión do Supremo pode supor a destrución de
1.336 empregos en toda España, dos que 117 serían no Grupo Tragsa en
Galicia. De se produciren estes despedimentos, as encomendas da Xunta a
esta empresa poden verse afectadas, pois actualmente todo o personal ten
carga de traballo.
Nestas xuntanzas, CCOO defendeu que o ERE non
é necesario, porque Tragsatec ten actualmente unhas reservas
voluntarias de 143 millóns de euros, ás que habería que sumar 118
millóns de Tragsa. Esta cifra, segundo o sindicato, «son beneficios de
exercicios anteriores ?tras a repartición de dividendos? conseguidos co
traballo de todas e todos». Segundo Comisións, abondaría con dedicar o
19 % das devanditas reservas ?24,6 % se se incluír todo o grupo? para
cubrir a previsión de perdas acumuladas para o quinquenio 2014-2019
?27,3 millóns en Tragsatec ou 64,3 millóns no Grupo Tragsa.
Por
outra banda, o conxunto de Administracións públicas débelle ao Grupo
Tragsa case 461 millóns, cifra que multiplica por sete a previsión de
perdas e que representa, tamén, máis do 75 % da produción do grupo de
todo o exercicio 2014 (619 millóns).
CCOO critica que, durante
todo este tempo, a empresa lles seguiu pagando ás persoas con
responsabilidades directivas e tamén aos mandos intermedios a chamada
dirección por obxectivos. O sindicato denuncia que se procedese ao
pagamento deste «premio» ao tempo que o Grupo Tragsa presentaba perdas
exercicio tras exercicio.
Por outra parte, a sección sindical de
CCOO explicoulles aos grupos parlamentarios que o grupo conta con
suficiente carga de traballo, como demostra que se segue a contratar
persoal eventual en todas as oficinas da empresa no estado. «É unha
proba evidente do crecemento da carteira de pedidos da compañía»,
insístese desde Comisións. A modo de exemplo, de executarse o
despediemnto colectivo, 14 traballadoras e traballadores de Tragsatec
Galicia poderían perder o seu emprego. Porén, xa só durante os meses de
setembro e outubro deste ano foron contratadas 17 persoas para a
provincia da Coruña, coa previsión de formalizar entre 10 e 15 novas
contratacións de aquí a final de ano.
Para CCOO, a problemática
principal da compañía segue a ser hoxe a mesma que no 2013: a empresa
non adaptou o seu organigrama estatal á actual realidade produtiva da
compañía, ao tempo que os movementos que se produciron no organigrama
non se viron reflectidos nas contas analíticas. Iso provocou que os
gastos de persoal non baixasen na mesma proporción que a redución de
produción que se ven dando desde o 2009. Este argumento está «amplamente
desenvolvido» no relatorio que a sección sindical de Comisións en
Tragsatec presentou perante a Inspección de Traballo.