A pretensión de ANGED baséase nunha norma estatal que flexibiliza os requisitos de apertura nas zonas consideradas de «especial afluencia turística». Co precedente da Coruña e tamén coa situación creada en Vigo, onde a Xunta solicitoulle ao Concello a determinación da zona de afluencia turística, o sindicato insiste en rexeitar estas iniciativas.
As aperturas en domingos e festivos están restrinxidas, como regra xeral, a dez ao ano. CCOO sinala que esta posibilidade non se traduciu por agora na creación de emprego, senón que se deteriorou o existente, obrigando o persoal a prolongar a súa xornada laboral. Isto prodúcese, ademais, «sen contraprestación de ningún tipo e á custa de dificultar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral», censura Isabel Castaño, secretaria de Acción Sindical de CCOO-Servizos.
CCOO considera que a apertura de máis domingos e festivos non é unha demanda da cidadanía, senón das grandes cadeas de distribución -representadas por ANGED-. Neste senso, Castaño lembra que xa existe unha lei de horarios comerciais que lles permite a liberalización de horarios aos establecementos cunha superficie de ata 300 metros cadrados.
Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia sosteñen que a liberalización de horarios carrexaría a morte do pequeno comercio, «coa consecuente destrución de emprego estable e con dereitos», a cambio de mudar e modificar as condicións laborais e «precarizar, aínda máis o emprego nas grandes superficies».
CCOO, como sindicato máis representativo do sector, reuniuse coa concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico, Emprego, Comercio e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois, e co concelleiro de Emprego e Economía Social do Concello da Coruña, Alberto Lema. Ambos os edís manifestáronlle ao sindicato o total rexeitamento dos seus respectivos grupos de goberno á posibilidade de ampliar os horarios de apertura comercial.
Por último, CCOO sinala que a Federación Galega de Comercio (FEGA), máxima entidade representativa do pequeno e mediano comercio -200 asociacións de comerciantes e máis de 70.000 comercios integrados-, elaborou tamén un informe en que se rexeita a ampliación dos horarios de apertura.
+ Para máis información:
Isabel Castaño, secretaria de Acción Sindical de CCOO-Servizos: 626 100 310