Dende as tres centrais sindicais, CCOO-CIG-UGT, na última reunión mantida ca patronal o dia 8 de maio deixamos moi claro, unha vez máis, que o complemento por incapacidade nas baixas NON SE TOCA. Non imos permitir que a patronal aproveite a negociación do convenio para recortar os dereitos de todas as traballadoras e traballadores do comercio da provincia da Coruña, e perder o dereito o cobro do 100% cando se está enferma ou enfermo.
A patronal segue a insistir en eliminar o cobro do 100% na situación de baixa médica, culpando ás traballadoras e traballadores do absentismo que, según eles, existe no sector, co cal os nosos salarios se verían seriamente reducidos.
Levamos dende xuño de 2015 sen actualizar os nosos salarios e a patronal ofrece un mísero 1% para cada ano pero sen cobrar atrasos deses anos e perdendo poder adquisitivo.
Négase a recoñecernos o dereito á ampliación por garda legal ata os 14 anos de idade tal e como se ven recollendo noutros convenios, dereito necesario para poder conciliar a nosa vida laboral coa familiar.
As traballadoras e traballadores do sector do comercio estamos fartas e fartos de escoitar reunión tras reunión, que o comercio está en crise, cando todas e todos nós sabemos que iso non é así, todas e todos nós traballamos no sector e sabemos o que se factura nas tendas, e non é que sexa pouco e saian perdendo, é que queren gañar máis a conta de recortarnos os dereitos de todas e todos nós. Por iso debemos demostrar que no sector do comercio onde traballamos milleiros de traballadoras e traballadores, estamos máis unidos ca nunca e que imos loitar pola mellora dos nosos dereitos.
Levanta a túa voz e participa nas asembleas informativas que se van celebrar nas vindeiras datas para acordar un calendario de mobilizacións en defensa dos nosos dereitos!!!
ASAMBLEA XERAL DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DO COMERCIO VARIO, O 29 DE MAIO AS 22:30H.
Coruña: Edificio Sindical - Salón de Actos - Alfonso Molina s/n.
Ferrol: Edificio Sindical - C/ María nº 42.