Archivado en Comunicados, Socio Economico, Mobbing, Condiciones de trabajo

Un informe da autoridade laboral demostra que a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia incumpriu o convenio colectivo

A Inspección de Traballo «deixa en evidencia as mentiras da xerencia de Proxecto Home», afirma CCOO


Proxento Home
Comisións Obreiras (CCOO) asegura que a Inspección de Traballo Provincial da Coruña «deixa en evidencia as mentiras da xerencia de Proxecto Home». O sindicato acaba de recibir un oficio da autoridade laboral que «demostra que nós non falamos por falar» á hora de denunciar as «graves irregularidades» en materia laboral e de xestión de recursos humanos na Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia. Ler máis

A Inspección de Traballo ratifica as denuncias de CCOO e insta a empresa a cumprir o convenio colectivo. Un dos asuntos máis controvertidos é a situación do persoal durante as baixas médicas. Segundo CCOO, a empresa non estaba pagando a totalidade do salario, como obriga o convenio. Desde Proxecto Home chegaron a afirmar nalgún medio de comunicación que Comisións Obreiras faltaba á verdade.

Segundo a Inspección, «compróbase que a empresa non aplicou o disposto no artigo 52 do convenio colectivo, ao non complementar a prestación ata as porcentaxes fixadas nel». Juan Zas, secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, aféalle a Proxecto Home estas «mentiras», máis aínda cando na entrevista coa autoridade laboral recoñecían o incumprimento, como recolle o documento oficial: «A empresa recoñece esa situación [...], amosando a súa disposición a regulariza a situación».

Ante esta irregularidade, a Inspección emite un requirimento para que se proceda a «complementar ata a porcentaxe indicada no convenio [...] a prestación de IT [incapacidade temporal], debendo ingresar as diferenzas de cotización resultantes». Isto traducirase «en moitos miles de euros», enfatiza Zas.

Outra irregularidade destapada por CCOO e corroborada pola Inspección de Traballo da Coruña é a da contratación dos chamados «terapeutas en formación», encadrados pola empresa na mesma categoría profesional que, por exemplo, o persoal de conserxaría, limpeza ou atención telefónica. «En ningún dos devanditos postos [...] se leva a cabo labor ningún de intervención social», apunta a Inspección, que deixa a porta aberta a que a parte social leve esta cuestión perante a Xustiza.

Canto á promoción profesional e ascensos, CCOO denunciou que se efectuaban «a dedo» e a propia Inspección emitiu tamén un requirimento instando a aplicar o convenio no relativo á provisión de vacantes e postos de nova creación, que se han rexer «polos principios de igualdade de oportunidade, transparencia, publicidade e competencia técnica».

Cláusulas ilegais nos contratos

A Inspección tamén ratifica a denuncia de CCOO sobre varias cláusulas anexas aos contratos de traballo que rebaixaban as condicións laborais respecto do convenio, e insta a empresa a anulalas «por contraviren a norma legal ou convencional».

Excesos de xornada

Canto aos excesos de xornada e a realización de horas extra por riba do máximo legal, o avogado da empresa retaba hai un mes a CCOO a «sacar os papeis da Inspección». Cos papeis na man, CCOO teno claro: «fixéronse horas extra vulnerando a lei e a empresa quixo manchar a reputación do sindicato nos medios de comunicación, mentindo obscenamente», sentencia Zas.

Neste punto, a Inspección de Traballo tamén se pronuncia don dureza. O informe constata que, durante o ano 2017, os traballadores monitores de noite superaron o máximo de 80 horas extras anuais, polo que «se procede a iniciar procedemento sancionador pola comisión dunha infracción grave». Así mesmo, insta a empresa «ao pagamento dos salarios resultantes e das diferenzas de cotización».

Liberdade sindical

A autoridade laboral tamén insta a Fundación a cumprir co disposto no Estatuto dos Traballadores e na Lei orgánica de liberdade sindical e poñer á disposición dos sindicatos un taboleiro de anuncios «que deberá situarse no centro de traballo e nun lugar onde se garanta un axeitado acceso a el» por parte do persoal.

Participación sindical na empresa

Así mesmo, a Inspección emite un requirimento para que a empresa «cumpra coas súas obrigas de información, consulta e participación previstas no artigo 64 TRLET [Texto Refundido do Estatuto dos Traballadores] e demais normas concordantes».

O dito artigo é moi extenso e abrangue numerosos dereitos de que goza a representación legal dos traballadores e das traballadoras. «A propia existencia dun requirimento obrigando a cumprir o artigo é mostra suficiente de que non se está a facer», apunta o voceiro de CCOO-Servizos.

Este precepto do Estatuto dos Traballadores recolle o dereito da representación legal do persoal a ser informada de todas aquelas cuestións que poidan afectar tanto aos traballadores e traballadoras, como sobre a situación da empresa ou do emprego nela. Ademais, o comité de empresa ten dereito a coñecer o balance, conta de resultados, memoria, modelos de contratos de traballo ou sancións impostas por faltas moi graves.

Como mínimo, o comité ten dereito a ser informado trimestralmente sobre estas cuestións, di a lei, incluíndo a consulta cando se prevexan cambios.

Así mesmo, o comité ten dereito a emitir un informe previo antes da execución de calquera medida sobre as reestruturacións de persoal, reducións de xornada, traslado total ou parcial das instalacións ou calquera outra incidencia que poida afectar ao volume de emprego.

Proxecto Home encamíñase «ao colapso»

Segundo CCOO, este «importantísimo» proxecto social «avanza inexorablemente cara ao colapso por culpa dunha única persoa». O sindicato non descarta «esixir responsabilidades» ao padroado da fundación, como responsables últimos da situación. «Se non son capaces de garantir a súa viabilidade deben permitir que outras persoas asuman as funcións», enfatiza o secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos.