Após a reunión, Díaz e representantes de CCOO deron unha conferencia de prensa conxunta. Juana Taboada (CCOO), traballadora de Bosch, explicou que a empresa achegou documentación xustificativa para esta regulación de emprego. Con todo, apuntou que «para nós non abonda», xa que se alude a causas organizativas que non fican demostradas sobre o papel.
A causa probable estaría relacionada co ERE de Vodafone, un dos seus principais clientes, «pero Bosch non detallou o impacto que tería para a súa empresa e, sen resolver iso, presenta o ERTE», lamentou a traballadora.
Tabaoda tamén explicou que o ERTE afectaría a 800 persoas, con períodos de suspensión entre os dez días e os dous meses. Así mesmo, lembrou que foron despedidas 200 persoas que prestaban servizos a través de empresas de traballo temporal.
Pola súa parte, Yolanda Díaz salientou a gravidade para unha cidade como Vigo dunha regulación de emprego na que se manexan cifras desta envergadura. A representante de En Marea criticou que as grandes multinacionais estean «facendo coa xente o que lles peta», e lamentou que o marco laboral llelo permita.
Precisamente, En Marea presentou a pasada semana unha proposición de lei antideslocalización, para situar España ao nivel doutros países europeos, colcoando atrancos para que as grandes multinacionais deslocalicen e se comprometan cos territorios onde teñen centros de traballo.
Por último, Díaz aseverou que «estamos en tempo de desconto» ?o 5 de marzo disólvense as Cámaras?, «pero seguiremos presentando iniciativas», concluíu.