O obxectivo do AENC, que vincula sindicatos e patronal, é chegar a ese salario mínimo de 14 000 euros anuais no ano 2020. Porén, cos incrementos pactados neste convenio, que se sitúan no 2 %, será imposible alcanzar a esa cifra nin sequera no 2022. Por esta razón, CCOO considera «unha vergoña» o asinamento do convenio.
CCOO lembra que este convenio afecta a tres mil persoas na provincia de Ourense, das cales ao redor do 40 % —unhas 1200— pertencen aos grupos profesionais 5, 6 e 7, que son os peor pagados. Para paliar a situación, poderíase incorporar unha terceira paga extra, pois o convenio de hostalaría de Ourense é o único de Galicia que só inclúe dúas. A proposta do sindicato consistiría en engadir no ano 2019 media paga extra, e a partir do 2020 a paga completa.
Rexeitada esa opción, a única posibilidade sería coa modificación do salario mínimo (SMI) por parte do Goberno, o que alteraría as táboas salariais pactadas, pero «crearía outras disfuncións». Por exemplo, un traballador ou traballadora que actualmente teña a categoría de auxiliar de cociña e un salario de 915 euros, podería ver de súpeto o salario aumentado a mil euros, contía equivalente á da persoa da categoría inmediatamente superior, que non experimentaría un aumento proporcional.
Facer depender as táboas salariais do que o Goberno decida facer co SMI sería colocar diferentes profesionais case co mesmo salario, independentemente da súa cualificación profesional, «xerando novos problemas».