No día de onte, Bosch manifestou a súa vontade de implementar medidas de contixencia e permisos para o persoal. Porén, hoxe responde que só se fará «en casos excepcionais», polo que actualmente as traballadoras e traballadores fan o seu laor habitual, sen que se teña en conta a normativa actual relativa ao COVID-19.
Canto a Unísono, o persoal entrou e saíu dos seus postos de traballo sen poder manter a distancia de seguridade. Os postos non foron hixienizados e están a unha distancia inferior a un metro. Tampouco hai a disposición xeles para as mans.
CCOO pediulle á Inspección de Traballo e Seguridade Social que transmita as pautas de actuación a seguir, co obxectivo prioritario de actuar «coa máxima dilixencia posible» nos centros de chamadas no caso de que se confirme algún caso de contaxio por coronavirus.
Medidas solicitadas por CCOO
CCOO-Servizos pídelles ás empresas do sector dos centros de chamadas que implanten o teletraballo como fórmula prioritaria para todas as campañas, sempre de xeito voluntario. Tamén, a adaptación de horarios e flexibilización nas entradas e saídas; o establecemento de 1,5 metros de seguridade entre persoas, o que implica deixar un posto baleiro entre cada traballador ou traballadora; fornecer xeles desinfectantes hidroalcohólicos; a apartura das portas dos centros de traballo, para evitar riscos innecesarios; a limpeza completa de todos os elementos dos postos nos cambios de quendas; facilitar cascos e auriculares individuais como medida adicional; limpeza exhaustiva todos os días, previa ventilación do centro de traballo; e o permiso retribuído para persoas inmunodeprimidas ou en situacións vulnerables de risco.
Segundo CCOO, desde o primeiro momento desta crise sanitaria, o sindicato bateu coa negativa das empresas a realizar teletraballo aludindo a motivos de protección de datos. Por esta razón, Comisións tamén se dirixe aos seus clientes —entre os que están Administracións e grandes empresas como Iberdrola, BBVA, Teléfonica ou Orange— para lembrarlles que as medidas sanitarias «son para toda a sociedade, sen distincións».
CCOO agarda que se produza unha pronta rectificación na actitude das empresas, xa que nalgúns centros de chamadas galegos xa tivo que acudir a policía para levantar acta e mesmo, no caso máis grave, obrigar a pechar o centro de traballo.