No campo da saúde, moitos estudos baseáronse en síntomas ou ensaios realizados sobre o corpo do home. Isto orixinou nalgúns casos, a falta dun bo diagnóstico, por ter sintomatoloxías diferentes ou maiores efectos secundarios na administración dalgúns fármacos, etc. Isto non só sucede segundo as diferenzas biolóxicas.
A pesar do avance nos dereitos das mulleres, a sociedade aínda está ancorada na cultura patriarcal de onde as mulleres teñen aínda moitas dificultades para saír como é a asunción na responsabilidade da atención e coidado da familia e o fogar. Isto, ten consecuencias tamén na saúde das mulleres. Por unha banda, a consabida dobre presenza e as renuncias que voluntariamente ou non, acaban soportando, ante a tensión constante de manter o equilibrio entre a esfera profesional, familiar e persoal. É a chamada división sexual do traballo (home=ámbito produtivo, emprego; mulleres=ámbito reprodutivo, coidados). Daí, a forte presenza de mulleres no sector servizos. A infravaloración do emprego feminino con baixos salarios, menor recoñecemento e o teito de cristal desencadea riscos psicosociais aos que hai que dar unha resposta.
Daí, podemos sacar a seguinte conclusión: É imprescindible incorporar factores diferenciados en función do sexo, non só biolóxicos, tamén sociais e culturais.
No ámbito laboral, a seguridade e saúde no traballo son dereitos fundamentais, trasladando a prioridade da atención á prevención. A exposición a riscos laborais e os danos sufridos en ausencia da prevención afectan de maneira desigual a mulleres e homes, por iso é polo que é necesaria a aplicación da perspectiva de xénero á seguridade e saúde no traballo.
O principio de transversalidade de xénero incorpórase a partir da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
Nunha crise sanitaria e económica como é a do COVID.19, aos factores de desigualdade non queda máis remedio que engadir outros e os que estaban presentes antes da pandemia, agora recrudécense, tendo por tanto un impacto maior na saúde das mulleres.
A Federación de Servizos de Comisións Obreiras atende ramas de actividade como son o comercio, hostalaría, contact center, servizos financeiros, técnicos e administrativos. O impacto do covid nas mulleres traballadoras pódese observar desde distintas perspectivas cun denominador común: Stress psicolóxico e dobre dose de dobre xornada.
Por unha banda, traballadoras que prestando os seus servizos de forma presencial no centro de traballo temen o contaxio e temen contaxiar á familia, que desencadearía ademais da preocupación lóxica e nada despreciable da saúde dos seus familiares, o aumento do número de persoas que requiran coidados nun momento no que a dobre xornada require unha dobre presenza ou unha atención simultánea debido á falta doutros recursos de conciliación.
E traballadoras realizando o seu traballo desde o domicilio, teletraballando mentres coidan. Un sistema de traballo que, en aras de protexer do contaxio e o mantemento do emprego, sempre que sexa posible é o que deberá prevalecer. E ao que haberá que regular convenientemente en base á negociación colectiva porque podería comportar serios perigos nos dereitos das mulleres e saúde laboral como desde que a finais dos 90, cando o teletraballo toma maior popularidade en España, segundo se viña poñendo de manifesto en diferentes estudos. Nun destes realizado entre os anos 2006 e 2008 pola profesora de Psicoloxía social do traballo Ana Gálvez defíneo como un sistema que "libera e esclaviza" e é que certamente é unha forma de definir o que pode ocorrer cando non existen medidas eficaces para a conciliación e o dereito á desconexión dixital que debe estar presente neste sistema de traballo. Un sistema que necesita dunha regulación e cambio de paradigma na aínda arraigada cultura de presentismo co perigo de invisibilizar a quen o realiza.
Nunha situación tan excepcional como a que vivimos, é urxente actuar cun incremento e mellora dos servizos sociais públicos no que se refire á atención e coidado da infancia e persoas dependentes, medidas de conciliación e fomento da corresponsabilidade efectivas que non reforcen os roles de xénero nin terminen penalizando ás mulleres e establecer medidas organizativas nas empresas de flexibilización do tempo de traballo que faciliten a conciliación do seu persoal.
É necesario que a responsabilidade do traballo doméstico e familiar, na súa organización e realización, se asuma tamén polos homes.
Se hai un factor de risco aplicado ao sexo e claramente recollido na lei de Prevención de Riscos laborais, ese é o da maternidade. Así, o sistema de Seguridade Social previu que o embarazo é unha situación de especial vulnerabilidade ao Covid-19.
Ante a comunicación de embarazo dunha traballadora ao servizo de prevención, este realizará un informe de que as medidas adaptativas, restritivas ou o cambio de posto de traballo non se pode producir no centro, se fose ese o caso. Con este informe, o servizo médico de familia, avaliando a situación, pode estender unha baixa por continxencia común que se traslada á mutua para que a efectos de prestación económica se considere coma se fose continxencia profesional.
E nun contexto de Pandemia como no que nos atopamos, hai outra pandemia mundial antes de que existise o Covid: a violencia machista nas súas múltiples formas.
O acoso sexual ten efectos importantes sobre a saúde das mulleres, podendo afectar tanto á saúde psicolóxica como á saúde física e deben considerarse dentro do ámbito da prevención e garantindo o principio de igualdade, para as que son imprescindibles abordar factores de risco con enfoque de xénero.
A saúde non é a ausencia de enfermidade, así o define a OMS cando di que a saúde é un estado de completo benestar físico, mental e social e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades.
Diferenzas biolóxicas, desigualdades de xénero, segregación vertical e horizontal, unha maior precariedade laboral feminina..etc dan como resultado efectos máis negativos sobre a saúde das mulleres
Desde a Federación de Servizos de Comisións Obreiras, neste día de Acción pola Saúde das mulleres lembramos que é indispensable para garantir o dereito á seguridade e saúde das traballadoras, recoñecer as formas múltiples de discriminación e factores de risco que afectan ás mulleres.
É urxente fomentar unha cultura de prevención con perspectiva de xénero e traballar por unhas condicións dignas que aseguren o dereito a un traballo decente e seguro.
Por último, lembramos a orixe da celebración deste día, facendo unha reivindicación pola saúde sexual e reprodutiva de mulleres e nenas en todo o mundo.
Secretaría de Saúde Laboral Secretaría de Mulleres, Igualdade e Diversidade