As cifras de asasinadas estremécennos, pero é necesario tamén visibilizar que as violencias machistas incumben a un número altísimo de mulleres sobreviventes, mulleres que teñen minguados os seus dereitos, a súa liberdade. No ámbito das empresas, centramos as nosas actuacións na aplicación de dereitos laborais que garantan a estas traballadoras facer compatible esta situación tan dramática coa súa seguridade, o mantemento dun posto de traballo que lle achegue recursos económicos, de comunicación e de recuperación.
O acoso sexual e por razón de sexo, é outra das formas nas que se manifesta a violencia machista, que traspasa os muros da empresa e contra a que actuamos no desenvolvemento de protocolos que fagan intervir ás empresas asumindo a responsabilidade que lles corresponde.