Daquela, a nova dirección de CCOO-Servizos conformarana Lucía Trenor, Juan Zas, Isabel Rodríguez, Arturo Cruzado, Ángela Junco, Ignacio Castro, Rocío Blanco, Jorge Carneiro e Gloria Alonso.
O informe de xestión presentado por Trenor logrou tamén un total consenso, pois foi aprobado por unanimidade. A secretaria xeral marcou como prioridade «procurar a coordinación da organización e da acción sindical no ámbito autonómico» para axudar as persoas traballadoras dos sectores que integran a Federación de Servizos, «moi castigados durante a pandemia».
Trenor tamén incidiu na «necesidade de influír» nos procesos de transformación dixital, para evitar a destrución de emprego ou o empeoramento das condicións laborais. «A tecnoloxía ten que estar ao servizo das persoas, non as persoas escravizadas a través das tecnoloxías», salientou.
Ademais , pediu a implicación do conxunto do sindicato para «seguir defendendo as políticas de igualdade» e corrixir así as fendas que existen no ámbito laboral e social, «que se agravan en cada crise, deixando as mulleres desprotexidas». Lembrou que os traballos con maior porcentaxe de mulleres «seguen a estar mal pagados e con condicións de temporalidade e parcialidade máis elevadas. Hai que dignificar e revalorizar os empregos feminizados», insistiu.
A Federación
CCOO-Servizos abrangue os sectores financeiro, comercio, hostalaría e servizos técnicos. Ten máis de 7600 persoas afiliadas e 746 delegados e delegadas sindicais en toda Galicia, que negocian 35 convenios sectoriais.
Convidadas ao Congreso
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a directora xeral de Traballo do Goberno de España, Verónica Martínez Barbero, enviaron un saúdo telemático ás delegadas e delegados deste Congreso. Tamén asistiron presencialmente o secretario xeral estatal da Federación, Chema Martínez, así como unha ampla delegación do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, encabezada polo secretario xeral, Ramón Sarmiento.