E, sobre todo, que os indicadores de precariedade non melloraron. A temporalidade sitúase no 23 % e a parcialidade no 21 %, sendo a parcialidade feminina (32,55 %) catro veces superior á masculina (7,49 %), o que supón unha significativa fenda de xénero. A estes indicadores de precariedade hai que engadirlles os incumprimentos sistemáticos da normativa legal ou pactada: prolongacións de xornadas que non se retribúen, falsa parcialidade, persoas realizando horas moi por riba das legais e das fixadas nos seus contratos, cambios de horarios sen respectar os calendarios laborais...
Resulta especialmente significativa, neste sentido, a análise sectorializada dos resultados do Plan Director por un traballo digno 2018-2020, da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que indica que no sector do comercio se produciron un total de 1349 regularizacións (1147 contratos transformados en indefinidos e 202 incrementos de xornada).
Ocorre que gran parte das traballadoras e traballadores do sector do comercio teñen as súas condicións laborais conxeladas. Segundo datos do REGCON, o 65,3 % dos convenios colectivos sectoriais (54,1 % das persoas traballadoras cubertas por eles) están vencidos con data do 31/12/2020 ou anterior. Un 20,5 % adicional (14,1 % persoas traballadoras) vencerá con data do 31/12/2021.
No contexto descrito, constátase de novo que os cadros de persoal do sector viven nos últimos meses do ano un período de cargas de traballo extremas, cada vez máis concentradas entre a derradeira semana de novembro (co Venres Negro e o Ciberluns) e a primeira quincena de decembro (coas compras de Nadal que se prolongan durante todo o mes e continúan co período de rebaixas de xaneiro). De feito, unha media do 80 % dos domingos e festivos de apertura comercial concéntrase nos meses de novembro, decembro e xaneiro e, en contra do que poida pensarse ou proxectarse en medios, o volume de contratación extra ou de reforzo neste período é absolutamente marxinal: a repunta de cotización media na Seguridade Social respecto a setembro ou outubro non chega ao 2% e é inferior ou igual ao período punta en agosto.
Ante este escenario, CCOO inicia unha campaña dirixida a empresas, administracións, persoas consumidoras e cadros de persoal. O obxectivo é que se faga cumprir a normativa legal e se desbloquee a negociación colectiva sectorial para que os traballadores e traballadoras dun sector considerado esencial durante a pandemia poidan realizar o seu traballo baixo unhas condicións laborais que lles permitan vivir.