Segundo CCOO, o sector dos centros de chamadas emprega en Galicia a máis de dez mil persoas cuxo convenio leva caducado máis de dous anos —expirou o 31 de decembro do 2019— e os salarios conxelados.
CCOO-Servizos lembra que, debido á pandemia, o sector experimentou unha «excepcional» carga de traballo, permitindo que empresas consideradas esenciais puideran xestionar servizos «vitais» e mantiveran a atención ao público. Malia o esforzo realizado, nin sequera se lles retribuíron os gastos derivados do teletraballo, denuncia Comisións.
O bloqueo das negociacións débese, segundo CCOO, á pretensión da patronal de «desvalorizar cada vez máis as condicións laborais neste sector, xa de seu precarias»». O sindicato denuncia que as empresas do sector e os seus clientes —a meirande parte cotizando no IBEX-35— leven anos incrementando facturación e beneficios, mentres as traballadoras e traballadores perciben salarios «en niveis do SMI e perdendo poder adquisitivo pola conxelación salarial e a inflación».
Convocatoria
- Día: venres, 18 de marzo de 2022
- Hora: 11:30
- Lugar: saída do Obelisco e remate na praza de Mina, na Coruña
- Asunto: o sector dos centros de chamadas maniféstase na Coruña en defensa do seu convenio