En termos moi similares, estas primeiras sentenzas coidan acreditada a existencia dunha fraude de lei para conculcar os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do complexo hoteleiro e termal. A empresa, anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela, pechou a comezos do 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.
A sentenza recolle como feitos probados que a empresa deu de baixa o persoal na Seguridade Social o 15 de xuño e que só dous días despois se constituía a nova empresa —que comparte cargos administrativos, instalacións, medios e provedores coa empresa extinta—. As novas contratacións comezan a producirse o 12 de xullo, menos dun mes despois, sendo incorporada á nova empresa aproximadamente a metade de traballadores e traballadoras que había antes do peche.
A interrupción do vínculo laboral durante este tempo, menos dun mes, impediría automaticamente que as traballadoras e traballadores puidesen exercer o seu dereito a seren subrogados pola nova empresa nas condicións de traballo previas. Non obstante, a Xustiza ditamina que «si cabería derivar a responsabilidade excepcionalmente á nova empresa» en caso de constatarse a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas codemandadas neste proceso.
Así o consideran os xulgados composteláns, que verifican a existencia dunha fraude de lei por parte das empresas Hotel Balneario do Tremo S. L., Balneario do Tremo S. L. e Balneario de Compostela S. L., polo que decretan a nulidade dos despedimentos e instan ao pagamento dos salarios de tramitación e cantidades pendentes, así como á «readmisión inmediata» do persoal.