Desde CCOO ven nesta medida un paso máis na perda de vínculos con Galicia de Naturgy, que foron constantes desde a fusión en 2008 da antiga Unión Fenosa con Gas Natural. O sindicato lembra que Teleperformance leva máis de 25 anos encargándose da atención telefónica nas zonas xestionadas por Unión Fenosa, como Galicia, Castela e León ou Madrid.
Naturgy foi reducindo nos últimos anos o persoal da campaña de UFD, que chegou a ser de cincocentas traballadoras e traballadores, un número que se xustifica pola gran cantidade de temas sobre os que teñen que dar atención —información técnica, xestión de avarías, atención comercial, altas, seguimento de reclamacións, entre outras—. Ademais, dado que UFD non ten oficinas físicas, a atención telefónica e o correo electrónico son as únicas vías de contacto.
CCOO rexeita esta medida polo seu impacto negativo sobre o emprego, pero tamén polos prexuízos que lles vai ocasionar á clientela da compañía enerxética. Por unha banda, a perda de calidade na atención e o previsible aumento dos tempos de espera; por outra, o feito de que os datos persoais e de facturación estean nun país carente da estrita regulación que existe na Unión Europea, co problema que pode suscitar «nunha época en que as filtracións de datos e as fraudes están á orde do día».
Ademais, no caso particular de Galicia, será case imposible poder ofrecer atención telefónica en galego cun equipo local tan reducido, pois unha vintena de persoas deberán atender varias comunidades autónomas, o que se traducirá nunha «espera interminable» para quen queira exercer o seu dereito a ser atendido nesta lingua.
Ademais, as xestión das avarías de UFD esixen un elevado coñecemento das nomenclaturas e particularidades da xeografía galega que desde Colombia non poderán atender axeitadamente. Así mesmo, algúns servizos necesitan moita axilidade canto á súa resolución, mentres que outros están relacionados coa asistencia a persoas que, «de non se facer con rapidez e eficiencia, poden derivar en danos persoais».
Mobilizacións
Ademais da manifestación deste luns, o comité de empresa tamén convocou para hoxe paros nas distintas quendas de traballo que, de feito, xa comezaron na madrugada. O próximo xoves, día 8, retomarán as protestas cunha concentración diante do pazo de María Pita, coincidindo coa presentación no pleno municipal da Coruña dunha moción en defensa do emprego en Teleperformance.