Archivado en Campañas, Revision Salarial, Salario, Empleo, Accion sindical

CCOO Servizos sae ás rúas de Madrid para pedir subas salariais e o desbloqueo da negociación colectiva


Milleiros de traballadoras e traballadores, de delegados e delegadas sindicais, procedentes de todos os recunchos do país participaron nas marchas a Madrid convocadas por CCOO e UGT, para protestar contra a actitude irresponsable e egoísta de CEOE e CEPYME que están a apostar pola conxelación dos salarios, ante o aumento desbocado dos prezos.

Como denunciou o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, «as organizacións empresariais están demasiado afeitas a saír da crise sempre pola vía da desvalorización dos salarios, a destrución de emprego e das condicións de vida da maioría social».

Tres marchas e unha gran concentración

Desde primeiras horas da mañá, e desafiando á choiva, a multitudinaria participación nas marchas, que foron avanzando en tres columnas desde Atocha, Praza de España e Porta de Toledo, ata a Praza Maior, colapsou as céntricas rúas da capital que se viron asolagadas por miles de manifestantes, os petos vermellos e as bandeiras de cada organización, que poñían a nota multicolor a unha nova xornada de protesta baixo o lema “Salario ou conflito”.

Unha gran mobilización que reflicte a indignación e rebeldía da clase traballadora ante a cicatería dunha patronal que só pensa en salvagardar os seus beneficios, trasladando o incremento dos prezos á cesta da compra, e á conta de conxelar os salarios, xerando situacións de desigualdade e pobreza.

Neste sentido, os manifestantes xa advertiron que «ante a negativa da patronal ás propostas sindicais, a nosa resposta seguirá sendo a loita e a mobilización ata que senten a negociar o incremento dos salarios». Ler máis

 


As reivindicacións son xustas

O contexto de inflación desbocada, con orixe no conflito de Ucraína, mantense e agrávase porque as grandes empresas aproveitan a situación actual para trasladar a alza de prezos ao resto de produtos, ampliando de forma desproporcionada as súas marxes de beneficios e encarecendo o custo da vida. Por iso os sindicatos sosteñen que é fundamental garantir o poder adquisitivo das familias traballadoras e evitar que a cidadanía volva pagar os custos dunha crise que non xerou.

Se a isto se engade a recente decisión do BCE de subir os tipos de xuro por terceira vez no que vai de ano, é evidente que, se non aumentan os salarios, reducirase aínda máis o consumo, o que repercutirá negativamente na actividade económica e lastrará a creación de emprego, empeorando aínda máis a situación. 

As organizacións sindicais demandan responsabilidade á patronal para que desbloquee a negociación colectiva, sente á mesa para alcanzar un novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) que dea confianza e certeza á economía; pero ante a súa negativa, animan a cidadanía a participar na manifestación convocada en Madrid.