Archivado en Comunicados, Mujeres e Igualdad, Muller

Manifesto 25N. #ImosContalo. Traballos Libres de Acoso Sexual


#25N

Este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Confederación Sindical de CCOO redobra o seu compromiso mediante feitos concretos para continuar loitando contra todas as violencias machistas e a discriminación das mulleres na que aquelas se sustentan.

Na sociedade actual, as mulleres lograron unha igualdade de dereitos cos homes maior da que tiveron noutras épocas. A teoría, a práctica e a mobilización feministas de dous séculos de loita deron os seus froitos ata converter os feminismos no maior axente de transformación social. A igualdade de dereitos de homes e mulleres eríxese no principio regulador da orde social moderna. As formulacións feministas traspasan o imaxinario colectivo e a mentalidade social. Ninguén se atreve a manifestarse contra a igualdade formal que figura nos «papeis», porén, é obvio que a igualdade real non só non chegou, senón que está sendo progresiva e perigosamente ameazada ante a vaga reaccionaria. Por iso, hoxe máis ca nunca, non só reforzamos o noso compromiso, senón que, ademais, #ImosContalo. Ler máis


E #ImosContalo porque os patriarcados de coerción amosan as súas feroces gadoupas en países como Afganistán, Irán ou Catar —onde todos aceptaron xogar un mundial de fútbol—, pero tamén nos de consentimento onde se intentan agudizar a diferenciación de roles sexuais e volver a modelos de masculinidade e feminidade de épocas pretéritas.

Estamos asistindo a unha rearticulación do patriarcado polo avance das forzas reaccionarias de extrema dereita. E, mentres se aposta pola volta do «home de verdade» e «a muller como Deus manda», convértese os feminismos en inimigos que hai que derribar polo que significan de xustiza, democracia e liberdade. Precisamente por iso temos que contalo e contrarrestar unha extrema dereita que empezou por borrar as imaxes das xenealoxías feministas do ámbito público, seguiu cuestionado dereitos que coidabamos fortemente asentados, como o do aborto, e acabou negando a violencia de xénero aínda que haxa 1171 mulleres asasinadas desde 2003 e unha de cada cinco mulleres que viven en España afirme que sufriu violencia durante o último ano, segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. Os feitos contradín o discurso negacionista: as cifras de asasinatos, violacións e agresións sexuais non se deteñen. A violencia, por desgraza, ten sexo. Só no ámbito laboral, máis de 1,4 millóns de mulleres afirman que sufriron acoso sexual no seu lugar de traballo e o 98 % dos agresores eran homes.

Esta violencia estrutural esixe un compromiso colectivo. Neste sentido, CCOO, como sindicato feminista, non só asume a súa responsabilidade actuando fronte ao acoso sexual e por razón de sexo no traballo, senón que ademais traballa acotro para acabar coa discriminación laboral en que se asenta esta violencia. Nos últimos anos conseguiuse elevar o salario mínimo (que afecta a moitas máis mulleres, por ocuparen os peores postos); actuar sobre a temporalidade coa última reforma laboral; aprobar (mediante o diálogo social) o Real decreto 901/2020, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e mais o 902/2020, de igualdade retributiva entre mulleres e homes. Ao tempo, delegadas e delegados propoñen a diario protocolos de actuación en caso de violencia de xénero e pactan novas medidas de corresponsabilidade. Medidas todas elas que, en conxunto, tenderán a diminuír as fendas laborais entre homes e mulleres.

É este traballo silencioso de desmontar o machismo que zumegan as relacións laborais o que hoxe #ImosContalo e a este debe engadirse a actuación fronte á violencia que padecen as mulleres nos centros de traballo en forma de acoso sexual. Agora é o momento, non se pode esperar máis e hai que actuar sindicalmente e sumar o noso esforzo ao dos movementos feministas para acabar con todas as formas de violencia.

A responsabilidade de centros de traballo libres de acoso sexual e acoso por razón de sexo é unha responsabilidade empresarial, pero como sindicato tamén actuamos para que isto sexa posible.

Traballos libres de acoso sexual

Desde un feminismo sindical, CCOO céntrase en previr, formar, concienciar e tratar laboralmente o acoso sexual e o ciberacoso nos centros de traballo. As empregadas pasan unha porcentaxe importante da súa vida no traballo e hai que asegurar ámbitos laborais seguros. Para conseguir que ninguén vaia traballar con medo, CCOO ofrece o seu activo sindical para que sirva de cordón preventivo contra o acoso.

A negociación de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo é unha gran ferramenta que está servindo para informar e formar contra o acoso nos centros de traballo e investigar de forma rápida e confidencial as denuncias; pero a representación sindical non chega a todos os centros e por iso a Confederación Sindical de CCOO puxo en marcha o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo (ligar a web https://observatorioacoso.ccoo.es/). Con el pretende vixiar os centros de traballo, para que non se produzan acosos e que, se chegan a producirse, as mulleres teñan un espazo onde acudir en busca de orientacións para saber como actuar.

Co Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo preténdese visibilizar un tipo de violencia de xénero que polo xeral está oculto. A propia existencia do observatorio é unha apelación contra esta violencia e unha denuncia dela.

O observatorio quere airear unha forma de violencia que, aínda que a padecen moitas mulleres, se denuncia moi pouco porque non se cre a quen o fai e mesmo as responsabilizan do acoso que reciben. Porén, hai unha responsabilidade colectiva e non se pode seguir situando as vítimas nin como culpables nin como responsables. Sindicalmente, trátase de realizar un traballo de prevención contra as violencias e os acosos e de sinalar tanto o sistema que permite que o machismo campe polos seus respectos como a quen acosa. O acoso sexual e o acoso por razón de sexo son un problema para as mulleres, pero son un problema social e de quen agride; tamén dun tipo de relacións laborais marcadamente sexistas coas que hai que acabar. Por iso hai que nomear o acoso e este 25 de Novembro desde CCOO #ImosContalo.

E a través da nosa campaña imos contar situacións intolerables que acontecen no traballo ou en relación con el, pero tamén imos contabilizalo, porque o que non se conta non existe. Pórlle dimensións ao problema permitirá concienciar a toda a sociedade.

O observatorio pretende ofrecer un espazo web á representación sindical e ofrece ferramentas e orientacións de como actuar fronte a este tipo de acosos. Unha das principais ferramentas fronte ao acoso é saber identificalo, para o cal se proporciona en aberto unha serie de formacións e recursos legais e de investigación que axuden a avanzar no estudo e tratamento profesional. Asemade, o observatorio pretende contribuír a facilitar a negociación de protocolos e boas prácticas ás persoas negociadoras que participan nas mesas de negociación de plans de igualdade.

Ademais de á afiliación, o observatorio está pensado para orientar, axudar e acompañar a toda a poboación nas actuacións máis pertinentes ante este delito; isto é particularmente necesario para a pequena empresa e as persoas que traballan soas en fogares, como a empregadas de fogar ou as asistentes de axuda a domicilio, por exemplo.

As traballadoras deben sentir que contan cunha ventá a través da cal poidan berrar que están sufrindo este tipo de violencia e sentir que alguén as escoita, acompaña e orienta.

Fronte a esta conduta laboral delituosa, as mulleres e homes de CCOO, este 25N, reforzamos o noso compromiso contando as nosas prácticas con feitos e non só con palabras porque #ImosContalo, sumándonos tamén aos actos e manifestacións convocados polos movementos feministas en cada un dos territorios e, ademais, nos centros de traballo coreamos:

Non ao acoso sexual!

Non máis violencias machistas!

O acoso sexual tamén é violencia machista! #ImosContalo.Traballos Libres de Acoso Sexual