Os sindicatos vimos alertando desde hai décadas da necesidade de afrontar e intensificar os esforzos para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade, así como das consecuencias de non actuar, tanto desde un punto de vista ambiental como económico, social e tamén para a saúde laboral.
A Organización Mundial da Saúde sinala que 2023 foi testemuña dun «aumento alarmante de desastres relacionados co clima, incluídos incendios forestais, vagas de calor e secas, que provocaron desprazamentos de poboacións, perdas agrícolas e unha maior contaminación do aire. A actual crise climática aumentou significativamente o risco de enfermidades potencialmente mortais como o cólera, a malaria e o dengue».
Tamén o ano pasado, a Organización Internacional do Traballo avisou de que a crise climática «sen os controis adecuados, pode aumentar o risco de lesións, enfermidades e morte dos traballadores debido ao estrés térmico, os fenómenos meteorolóxicos extremos, a exposición a produtos químicos perigosos, a contaminación atmosférica e as enfermidades infecciosas, entre outros». A OIT, ademais, engadiu que «numerosos efectos sobre a saúde dos traballadores se relacionan co cambio climático, incluíndo lesións, cancro, enfermidades cardiovasculares, afeccións respiratorias e efectos sobre a súa saúde psicosocial».
Ata hai pouco, había quen consideraba que estes fenómenos ían producirse en latitudes afastadas, pero nos últimos anos puidemos comprobar que España non só non é allea a eles, senón que os informes do Comité de Expertos ante o Cambio Climático da ONU (IPCC) sinalan o noso país como unha das áreas máis vulnerables e onde estes impactos xa están a manifestarse de forma máis virulenta. As vagas de calor dos últimos anos, probablemente «os veráns máis frescos do resto das nosas vidas», cobráronse a vida de traballadoras e traballadores. Isto obríganos como sociedade a converter a seguridade e a saúde no traballo nun dos piares das políticas públicas de adaptación ao cambio climático.
Polo tanto, débese recorrer ás ferramentas da prevención de riscos laborais para previr a exposición a temperaturas extremas nas empresas, pero sen esquecer outros fenómenos asociados ao cambio climático: fenómenos meteorolóxicos extremos, avance de enfermidades de transmisión por vectores, aumento da exposición á radiación solar.
O reto de abordar os efectos do cambio climático para a prevención de riscos laborais debe facer parte do debate na mesa de diálogo social sobre saúde e seguridade no traballo, aberta na actualidade entre o Goberno, as patronais e os sindicatos. Pero hai máis materias que deben incorporarse neste ámbito de negociación. Aínda queda moito por recuperar e por mellorar en seguridade e saúde nas empresas, o que require modificacións estruturais na normativa de prevención.
É intolerable que en 2023 se produciran 624 911 accidentes de traballo con baixa e 721 mortes polo mero feito de ir traballar, moitas delas por causas que facilmente se poden previr, como as caídas en altura, golpes ou atrapamentos e outras como as cardiovasculares, que son escasamente tratadas desde a prevención de riscos laborais e vinculadas coas condicións de traballo e coa calidade da prevención que se fai nas empresas.
Neste ámbito, CCOO e UGT temos tres obxectivos prioritarios:
PRIMEIRO. Reforzar a calidade da xestión da prevención nas empresas, a través da súa internalización e revisando e modificando os sistemas de acreditación e control das entidades especializadas como os servizos de prevención, así como reverter as modificacións á LPRL que supuxeron a simplificación das actuacións de prevención de riscos laborais.
SEGUNDO. Acabar co subrexistro de enfermidades profesionais, empezando polo cancro laboral. En España, estímase que anualmente falecen 8700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais, pero en 2023 só se comunicaron 94 partes de enfermidade profesional por axentes canceríxenos, a maioría por amianto. Para reverter esta situación é imprescindible crear un rexistro nacional de empresas con riscos de exposición a axentes canceríxenos e un rexistro de persoas traballadoras expostas, pendente de desenvolvemento normativo por parte do Goberno desde 1997.
TERCEIRO. A necesidade de reforzar o marco normativo para a prevención efectiva dos riscos psicosociais, empezando por incluír de forma expresa a obrigatoriedade de facer as avaliacións de riscos ou por incluír as desordes mentais no cadro de enfermidades profesionais e continuando por impulsar, nas institucións europeas, a aprobación dunha directiva de riscos psicosociais que mellore a saúde mental e cardiovascular das persoas traballadoras.
Hai que revisar a normativa a fondo para integrar a perspectiva de xénero e eliminar as desigualdades, incorporándoa como un dos principios de acción preventiva establecidos pola Lei de prevención de riscos laborais e feminizando o cadro de enfermidades profesionais, engadindo actividades feminizadas para patoloxías xa incluídas e incorporando patoloxías prevalentes en actividades con alta ocupación feminina.
E todas estas reformas legais deben acompañarse cun pulo ás políticas públicas activas en materia de prevención e un aumento dos recursos económicos e humanos destinados a elas. Non se pode seguir demorando o cumprimento do compromiso de aumentar os cadros de persoal da Inspección de Traballo. E tamén é necesario mellorar as dotacións do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e dos institutos autonómicos de prevención de riscos laborais, alí onde existen, e propiciar a súa creación nas CCAA que aínda non os puxeron en marcha. Tampouco imos renunciar a demandar a creación de xulgados especializados en seguridade e saúde no traballo e a potenciar a fiscalía especializada.
E queremos finalizar cunha lembranza ás vítimas do amianto, que levan esperando a aprobación do real decreto necesario para que entre en vigor a lei que regula o seu fondo de compensación e que acumula máis dun ano de atraso. O RD debe aprobarse con carácter inmediato e cunhas indemnizacións equiparables ás xa existentes para outros colectivos de afectados.
Un ano máis, desde CCOO e UGT lembramos as vítimas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas familias. Este 28 de abril renovamos o noso compromiso para visibilizar e pór fin a esta eiva e que a seguridade e a saúde no traballo se sitúen no centro das políticas públicas.Seguiremos loitando ata conseguir empregos de calidade e libres de riscos para todos e todas.