É inaceptable que as diferentes patronais manteñan bloqueados os convenios, situación que se arrastra desde o ano 2010. Nin se actualizaron os salarios, nin os beneficios sociais que xa incorporan os convenios doutras provincias, tales como licenzas, descansos ou reducións de xornadas.
A única mellora foi grazas aos incrementos do salario mínimo, suba na que CCOO tivemos un papel fundamenta como primeira organización sindical do Estado. O desleixo por parte das empresas e das Administracións non fai máis que incrementar a desigualdade e a precariedade das traballadoras e traballadores de Lugo e fomentar a saída de persoal para traballar noutras provincias.
Para reverter a situación, CCOO deu un primeiro paso convocando as patronais de forma inmediata mediante unha solicitude a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para estudar a posibilidade de abrir unha mesa de negociación dun convenio de comercio vario.