E por qué? Na nosa sociedade a muller segue encargándose das responsabilidades familiares e tanto a maternidade "real" como "a potencial" seguen sendo condicionantes para atopar emprego ou permanecer nel. Para solucionar isto é necesario que dunha vez haxa unhas políticas públicas sociais tanto para maiores como para menores que permitan o desenvolvemento profesional das mulleres e se deixe de encadrar á muller como coidadora ou como responsable do fogar. É necesario fomentar e sensibilizar na corresponsabilidade.
Tamén é certo, que o menor salario das mulleres obedece, non tanto aos factores controlados na negociación colectiva como a outro tipo de factores que deben ser tidos en conta e que van desde o tipo de xornada, a ocupación, o nivel de estudos, a idade ata a modalidade de contrato. A crise económica tivo un efecto negativo tanto no emprego masculino como no feminino, sendo este último o máis afectado pola precariedade. As mulleres son as que ocupan o primeiro posto en contratación a tempo parcial xa que non só traballan menos horas senón que a remuneración por unha hora a tempo parcial é inferior a remuneración por unha hora a tempo completo.
A ocupación das mulleres concéntrase en sectores feminizados onde as remuneracións son máis baixas e a posibilidade de formación está moi limitada. Debemos esixir actuacións públicas encamiñadas ao investimento público para a profesionalización e mellora de cualificación a través da formación destes sectores como son hostalaría, comercio, telemarketing? coa finalidade de incrementar o seu valor engadido.
Tampouco debemos deixar de mencionar outra realidade e é que un maior nivel de formación das mulleres non se traduce nun maior salario medio. Isto confírmanos que con independencia do nivel de formación, a diferenza salarial persiste e aumenta. Por último para combater esta situación de desigualdade e discriminación nas condicións laborais e salariais hai que adoptar medidas para fomentar o emprego de calidade entre as mulleres e que impulsen a contratación a xornada completa desde o inicio, hai que facer cumprir a obrigatoriedade de negociar plans e medidas de igualdade nas empresas e hai que desenvolver políticas que faciliten a conciliación da vida laboral, familiar e persoal que contribúan á permanencia das mulleres no mercado laboral, posibilitando así o seu desenvolvemento profesional.
Berta Fernández Secretaria de Muller e Igualdade de CCOO Servizos Castela e León.