A Federación de Servizos de CCOO de Galicia organizou este martes
unha reunión coa representación legal do grupo de empresas de Inditex
para marcar criterios de unificación da negociación e tamén traballar na
homoxeneización das condicións laborais.
Segundo CCOO-Servizos, existen diferenzas salariais e en materia de
dereitos sociais entre o persoal destas empresas, incluso no caso das
encadradas na mesma comunidade autónoma. En concreto, o sindicato
destaca as diferenzas entre o colectivo de traballadores e traballadoras
da rede de tendas respecto do departamento loxístico da empresa.
CCOO-Servizos quere pór fin a esta «discriminación», xa que o persoal
das tendas é, a final de contas, «a imaxe da marca Inditex». Por iso,
esta federación traballará seguindo o criterio de unificar as condicións
laborais no ámbito autonómico, co obxecto de reducir as diferenzas ata
que desaparezan.
O sindicato tamén «traballará arreo» para combater a precariedade e a
eventualidade na empresa, xa que un dos principios básicos de CCOO é a
defensa do emprego digno e de calidade «e así se vai esixir en canta
mesa de negociación houber».