Archivado en
Concentracións en Indra
coincidindo coa Xunta Xeral de Accionistas
COMFIA-CCOO convoca para hoxe concentracións en Indra coincidindo coa Xunta Xeral de Accionistas, na que entregará 3.000 sinaturas polo mantemento do emprego e do poder adquisitivo. Haberá concentracións simultáneas en Madrid, Barcelona, Valencia, Málaga e Sevilla. En Galicia, o Grupo Indra ten centros na Coruña, Narón e Vigo.
A sección sindical continuará trasladando á empresa a súa preocupación e desconformidade ante a situación creada «e pola que o persoal ve continuamente diminuído o seu poder adquisitivo», feito reflectido na conxelación salarial que sufriu gran parte do persoal o ano pasado. Ademais, «aumentou a sensación de inseguridade no emprego ante o goteo continuado de despedimentos, iniciados en 2008 en Indra BMB e que progresivamente se foron estendendo ao resto de empresas do Grupo», denuncian os voceiros de CCOO.
Por todo isto, iniciáronse varias accións adicionais con todos os sindicatos para pedir a negociación dun acordo que garanta o mantemento do emprego e do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras, e recolléronse 3.000 sinaturas neste sentido. Tamén se fixo unha enquisa na que o setenta por cento concordou en realizar concentracións e paros polo emprego, e incluso apoiar unha folga.