Archivado en Nota de prensa, Salario, Condiciones de trabajo
CCOO inicia unha campaña para denunciar a precariedade laboral en Galicia
A porcentaxe de accidentes de traballo é case o dobre entre as persoas con contratos temporais


Precisamente, para «reforzar» os argumentos desta campaña, CCOO
presentouna xunto co número 21 dos Cadernos do Sindicato Nacional,
titulado A precariedade no mercado laboral galego. Este detallado estudo
dá conta da deterioración das condicións laborais e de vida da clase
traballadora por mor da crise e das reformas laborais do 2010 e do 2012.
Bouza
explicou que o 31 % das galegas e galegos asalariados cobra por baixo
do salario mínimo interprofesional (SMI) e que a precariedade está
«intimamente ligada» á sinistralidade: a porcentaxe de accidentes de
traballo é case o dobre nas persoas con contratos temporais ca nas
contratadas de xeito indefinido (2,4 % fronte ao 4,5 %). As mulleres e
os menores de 30 anos son os colectivos «que teñen máis papeletas» para
ocuparen un posto de traballo a tempo parcial, sinalou a sindicalista: o
22,1 % das mulleres e o 23,9 % das persoas de 16 a 29 anos.
A
xornada parcial é unha mostra da precariedade laboral porque no 62,7 %
dos casos non responde a un desexo dos traballadoras e traballadoras "só
nove de cada cen afirmaron buscar ese tipo de xornada". Xunto á
parcialidade, a precariedade é outra característica do mercado laboral
galego: o 91 % dos contratos rexistrados no primeiro trimestre de 2016
son temporais; deles, o 31 % teñen unha duración inferior á semana e,
dentro deste grupo, o 37 % son a tempo parcial.
Contratación
temporal, a xornada parcial, mal pagada, pero tamén con horas
extraordinarias non remuneradas, denunciou Bouza: no primeiro trimestre
de 2016 realizáronse 329.300 horas extraordinarias e as non remuneradas
alcanzaban o 55 % do total.
Medidas para reducir a precariedade
CCOO
propón varias medidas para reducir a precariedade no mercado laboral
galego. En primeiro lugar, o sindicato pide habilitar os mecanismos
necesarios para que a contratación indefinida sexa «a forma ordinaria de
acceso ao emprego» "actualmente éo en menos do 10 % dos casos",
penalizando os contratos precarios. O sindicato tamén propón a
reordenación do réxime xurídico do despedimento, reforzando a necesidade
de xustificar as causas.
O sindicato tamén pide eliminar os
supostos en que a empresa pode modificar unilateralmente as condicións
de traballo, revisar as bonificacións á contratación, modificar
integramente o réxime do contrato a tempo parcial, revisar a regulación
dos contratos formativos, mellorar a xestión do FOGASA e dos servizos
públicos de emprego, refacer o Programa de garantía xuvenil e garantir a
seguridade xurídica nos procesos de descentralización produtiva e
fortalecer a negociación colectiva, entre outras medidas.
Denuncia confidencial e segura
Con
esta campaña, CCOO quere animar os traballadores e traballadoras
galegas a denunciaren situacións de precariedade. Para iso habilitou o
enderezo electrónico denunciaprecariedade@galicia.ccoo.es, onde se poderá informar de xeito confidencial e seguro sobre estas situacións.