Archivado en Nota de prensa, Salud Laboral, Condiciones de trabajo, Union Comarcal Vigo, Enxenerías Inspección Técnica

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia naceu en 2002 para ofrecer servizos de I+D+i á industria local do automóbil
A Unión Comarcal de CCOO de Vigo denuncia «precariedade e riscos para a saúde» no CTAG
A Unión Comarcal de Comisións Obreiras de Vigo denuncia «precariedade e riscos para a saúde» no Centro Tecnológico de Automoción de Galicia (CTAG). Segundo o sindicato, o CTAG non pode presumir de ser un centro tecnolóxico «punteiro» cando o seu modelo laboral se basea en «salarios miserables», abuso dos contratos temporais e de prácticas, ao tempo que pon en risco a saúde do persoal, cuestión esta que xa levou á apertura dun expediente sancionador.
CCOO denuncia publicamente que este modelo «non incentiva» a permanencia
do coñecemento na empresa e «dá continuidade á fuga de cerebros»
iniciada hai uns anos. O que naceu como un proxecto prometedor pode
verse comprometido por un padroado «obsesionado» con ter enxeñeiros cada
vez máis baratos. O sindicato considera que os membros actuais do
padroado son «os responsables directos» da situación.
O CTAG foi
creado no 2002 para ofrecer servizos de I+D+i á industria local do
automóbil. O CTAG impulsouno a Xunta de Galicia e no seu padroado teñen
representación a Consellaría de Industria, o Clúster de Empresas de
Automoción de Galicia (CEAGA), Abanca e PSA Vigo.
Segundo CCOO, o
centro goza de prestixio internacional e amplo recoñecemento por parte
do sector de automoción de Galicia. É máis, no ano 2013 foi ampliado
grazas a unha «forte dotación orzamentaria» por parte da Xunta. De
feito, o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou o Centro de
Excelencia en Electrónica para Vehículos Intelixentes, co que se
«catapultaba» o CTAG ao primeiro plano europeo do desenvolvemento
tecnolóxico en vehículo eléctrico.
Expediente sancionador da Inspección de Traballo
Porén,
a Unión Comarcal de CCOO de Vigo lamenta que a realidade dos enxeñeiros
que traballan no centro «dista moito da excelencia» de que se presume:
no que vai de ano xa se presentaron ata cinco denuncias na Inspección de
Traballo por incumprimento da lexislación laboral. Entre os problemas
máis graves destacan as altas temperaturas nos talleres, así como
excesivos niveis de dióxido de carbono nas oficinas. A negativa da
Dirección do CTAG a corrixir as eivas motivou un expediente sancionador
da Inspección.
Precariedade contractual e salarial
Aos
problemas de seguridade e saúde laboral engádese a precariedade
contractual e salarial «crecente». A Unión Comarcal de CCOO de Vigo
tamén critica que non haxa un plan de carreira profesional na empresa.
Segundo os datos do pasado mes de maio, a contratación eventual superou a
indefinida, estancada desde hai varios anos. O persoal con bolsas é
máis dun cento, representando o 20 % do total de efectivos. Así mesmo,
as persoas con contratos eventuais son case tantas coma as indefinidas.
Doutra
parte, CCOO denuncia que a Dirección do CTAG fomenta unha estrita
aplicación dos mínimos salariais, «que dá como resultado ter enxeñeiros
formados e cualificados cobrando 660 euros e cuxa máxima aspiración,
tras anos de dedicación á empresa, é chegaren a ser indefinidos e
mileuristas».
A situación xa provocou un aumento da
conflitividade laboral na empresa ?mesmo se acudiu á vía xudicial?, e
CCOO non descarta mobilizacións futuras dos traballadores e
traballadoras se non melloran as condicións.