Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio, Union Intercom. Ourense, Comercio, Comercio Galicia

Asinado o Convenio Colectivo do sector do Comercio de Materiais de Construción de Ourense
Os sindicatos CCOO, UGT e CIG, xunto coa patronal ASEMACO, vimos de asinar o Convenio Colectivo do Sector do Comercio de Materiais de Construción para a provincia de Ourense para os anos 2017 e 2018, destacando os seguintes acordos:
- Incremento salarial do 1,5% nos salarios a partires do 1 de xullo e ata o 31 de decembro de 2017.
- Incremento salarial do 1,5% dos salarios de 2018.
- Cláusula de revisión salarial durante os dous anos, de maneira que se incrementen os salarios en todo o que o IPC exceda do 1,5% ao final de cada un dos anos de vixencia, co pagamento dos correspondentes atrasos.
- Complemento económico ata o 100% cando se produza baixa médica por enfermidade común e exista hospitalización (ata agora só existía o 100% cando a baixa era por accidente laboral ou enfermidade profesional). Este complemento, no caso de hospitalización, dure o que dure a mesma, manterase ata a alta médica definitiva.
- Consolidación definitiva dos descansos dos sábados de semana santa e das tardes do 24 e 31 de decembro.
- Introdución de protocolos de actuación para os casos de acoso sexual, laboral e por razóns de sexo.
- Melloras no apartado de licenzas retribuídas.
Desde os sindicatos asinantes valoramos positivamente o feito de manter un convenio vivo e actualizado que volve ao camiño de acadar conquistas que melloren a vida das persoas traballadoras.
En canto ás retribucións, se ben somos conscientes de que os salarios aínda seguen a ser baixos, valoramos moi positivamente a implantación de novo na negociación do concepto de revisións salarial no caso de desvío do IPC, o que garante que non se perda poder adquisitivo.
Tamén celebramos a unidade sindical mantida nas negociacións que significou que por primeira vez en moitos anos sexamos os tres sindicatos os que suscriben o convenio colectivo.
Desde CC.OO. queremos destacar especialmente, ademais das melloras sociais e salariais respecto ao anterior convenio, o noso traballo para conseguir unha plataforma conxunta e o avance en protocolos de igualdade e loita contra o acoso sexual e psicolóxico
Ourense, 29 de xuño de 2017.