Archivado en

Mobilizacións polo convenio de enxeñerías: Tecniberia boicotea a negociación
O pasado mes de Decembro tivo lugar a última reunión da mesa de negociación do XIX Convenio de Enxeñarías e Oficinas Técnicas sen chegar a ningún tipo de acordo entre Tecnibería e os sindicatos presentes na mesma.
Desde CCOO en Galicia, fomos testemuñas da dinámica de negociación que ten a nosa patronal estatal: atrasar a proposta e o debate, dilatar os prazos de reunións, ameazar coa propia desaparición da patronal por motivos económicos e finalmente tentar forzar á parte social a incumprir o Acordo Estatal de Negociación Colectiva asinado entre os nosos maiores: CEOE, CEPYME e as executivas confederais de CCOO e UGT. Todo isto aderezado coa constante ameaza de considerar decaído o convenio ao finalizar o ano de ultraactividade legalmente establecido.
Non serviu de nada tender a man, ofrecer seguir coa negociación oficialmente e dar vixencia e estabilidade ao sector durante a mesma. Nestes momentos, avecíñase un período de incerteza e de alta conflitividade no sector, tanto xudicial como sindical.
Queremos trasladar a preocupación pola situación xerada e pedimos a Ageinco instar a Tecniberia que continúe coa negociación e recoñeza a vixencia do convenio mentres dure a mesma.
Desde CCOO Servizos queremos indicar que esta decisión irresponsable, só pode provocar unha resposta que manifeste nosa máis firme convicción en apoiar, promover e manter na nosa comunidade, todas as mobilizacións necesarias en defensa do convenio colectivo, das condicións laborais do persoal e por tanto do propio sector.