Archivado en Comunicado breve, Salario, Condiciones de trabajo, Hostalaría, Accion sindical

CCOO insta a Burger King a cumprir os dereitos laborais
Burguer King despreza o seu persoal: irregularidades en salarios, horarios e saúde laboral
CCOO-Servizos insta a Burger King a cumprir os dereitos do seu persoal, especificamente no que se refire ao pagamento dos salarios, quendas de traballo e protección da saúde. Este mediodía houbo unha concentración na Coruña, pero os problemas veñen de meses atrás. Durante o último ano, o sindicato convocou a empresa en diferentes ocasións para procurar solucións, pero ante a súa negativa houbo que recorrer á Inspección de Traballo.
CCOO denunciou ante a autoridade laboral irregularidades en cadrantes horarios e tempo de traballo, así como no abono de salarios e complementos.
Con todo, a Burger King teima na súa actitude e reincide canto ao pagamento das horas complementarias, o atraso no abono dos salarios, os horarios e calendarios, a excesiva carga de traballo pola falta de persoal, ou aspectos relacionados coa seguridade e a saúde laboral. Ler máis
Estes problemas, xa de seu graves en calquera empresa, sono aínda máis nun sector tan precarizado como o da comida rápida, cun exceso de xornadas parciais que provocan salarios moi baixos e que levaron ao límite ao persoal destes centros, que ven como a empresa xoga coas súas remuneracións, utilizando a precariedade como medida de presión.
A nova negativa da empresa a reunirse cos delegados de CCOO, representantes do persoal, é unha demostración clara e palpable dunha ineficacia absoluta na súa política de relacións laborais e non deixa outra alternativa máis que seguir denunciando esta situación ante a autoridade laboral, á vez que realizar mobilizacións que fagan saír á luz pública a grave situación que está a vivir o persoal dos centros de Burger King.