Archivado en Salario, Convocatorias, Sector Financeiro, Accion sindical

Haberá concentracións os días 23 e 30 de decembro diante da oficina principal da Coruña
CCOO convoca mobilizacións para esixir melloras salariais en Abanca que compensen o esforzo realizado polo persoal
A sección sindical de CCOO-Servizos en Abanca convoca mobilizacións para esixir melloras salariais na entidade bancaria que compensen o esforzo realizado polo persoal os últimos anos. Desde que Juan Carlos Escotet se fixo coa propiedade do banco, as traballadoras e traballadores viron minguado o seu poder adquisitivo de xeito «drástico», nun contexto de contracción económica en que a empresa lles pediu «sacrificios» para afrontar a situación.
Desde o ano 2013, o persoal viu suspendidas as súas achegas no sistema de previsión —que se reduciron ata un 20 %—, así como a suspensión de 2013 a 2015 da retribución variable, a suspensión da devindicación de trienios, a suspensión da parte variable do complemento convenio de 2013 a 2016, o seguro de saúde pasou a ser financiado ao 50 % pola persoa traballadora e o complemento de antigüidade comezou a devindicarse en só doce pagamentos.
A este esforzo asumido polas persoas traballadoras, cómpre engadir os recortes de persoal que se produciron como consecuencia de cinco ERE e dous acordos de prexubilacións.
CCOO pide unha paga lineal de 1500 euros
Por esta razón, CCOO pediulle á empresa o aboamento dunha paga lineal a todas as persoas traballadoras por valor de 1500 euros. No caso de que no sector bancario se asine un incremento salarial que supere ese importe, o pagamento tería a consideración como ingreso a conta.
O sindicato lembra que a empresa afronta agora un contexto moi diferente ao de hai nove anos, con tipos de xuro á alza «que repercutirán de forma moi positiva na conta de resultados». Por esta razón, CCOO esíxelle á empresa «dar un paso adiante» e compensar dalgún xeito a perda de poder adquisitivo que se produciu na última década, máis aínda nun contexto de inflación que contribuíu a minorar a capacidade de compra dos salarios.