Archivado en Negociacion Colectiva, Comunicados convenio

Asinado o convenio de Comercio Metal da provincia de Pontevedra 2020-2024
Despois dun longo período de negociacións acompañadas de numerosas mobilizacións e folgas, este mércores logrouse a sinatura do convenio de Comercio Metal da provincia de Pontevedra, un dos convenios que ampara a maior número de persoas traballadoras dentro do sector.
As negociacións -que comezaron o 8 de xuño de 2021- permitíronnos alcanzar un acordo coas seguintes características:
- Incrementos salariais: 2022 = 6,5 %; 2023 = 4 %; 2024 = 4 %
- Revisión salarial na diferenza entre a suma do IPC dos anos 2023 e 2024, e o incremento real destes anos (8 %) cun tope do 10 %, que se aplicará con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2024.
- Xornada: Redución de 16 horas (8 a partir do 1/01/23 e 8 a partir do 1/01/25)
- Adaptación do convenio ás novidades da reforma laboral e en materia de conciliación, trasladando para iso o acordado no convenio de comercio vario recentemente asinado.
- Vacacións: Os 22 días que marca o convenio son sempre de 8 horas, para que non lles conte un día completo ás persoas que traballan medio día os sábados.
- Traslado ao convenio o réxime de faltas e sancións establecido no convenio de comercio vario.
A pesar de non alcanzar o obxectivo inicial de introducir a este subsector dentro do recentemente asinado convenio de comercio vario -obxectivo que seguirá vivo para a seguinte negociación-, CCOO consideramos que o resultado final é satisfactorio, aínda que supoña un avance menor do que consideramos que debía ter.
Agora toca pór o convenio en marcha e esixir que se aplique en cada unha das empresas e persoas traballadoras ás que afecta.
CCOO poñémonos á vosa disposición para conquistar este importante obxectivo e animámosvos a afiliarvos e a participar como representantes das persoas traballadoras por esta organización onde se convoquen eleccións para que, desde o noso sindicato, se faga a forza necesaria para mellorar as condicións laborais de todas e todos.