Archivado en Nota de prensa, Huelga, Sector Financeiro, Accion sindical

CCOO-Servizos informamos dun seguimento do 82 % en Galicia na «histórica» folga do sector financeiro estatal
Nesta convocatoria de folga estaban chamadas a participar 7600 persoas na comunidade autónoma e 152.000 en toda España. Oito de cada dez traballadoras e traballadores do sector secundaron o paro de dúas horas, entre as 8 e as 10 da mañá. «Atrasamos dúas horas a nosa entrada ao traballo, mais avanzamos tres anos para o futuro», é o lema anunciado por CCOO.
Un paro histórico, pois nunca antes se mobilizaran asemade a banca, o aforro e as cooperativas de crédito, que respectivamente empregan a 2600, 4800 e 200 persoas en Galicia. Ademais da folga, houbo tamén concentracións na Coruña e en Vigo.
CCOO instamos as cúpulas directivas do sector —que bateu todas as súas marcas de beneficios— a reverteren os seus aumentos de soldos e reparticións de dividendos para, con iso, incrementaren de maneira xusta os salarios do persoal, fixar un límite sectorial e por empresa do tipo de xuro dos empréstitos, reducir a carga laboral e presión comercial, así como dotar os centros de traballo do persoal axeitado para dar un servizo de calidade.