Archivado en Nota de prensa, Negociacion Colectiva, Union Comarcal Lugo, Accion sindical

Denunciamos a parálise dos convenios do sector dos servizos en Lugo
Este mércores denunciamos o bloqueo que padecen os convenios colectivos da provincia de Lugo no ámbito desta federación e pedimos a intervención do Consello Galego de Relacións Laborais. Así o explicamos nunha conferencia de prensa na que interviñeron a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, o secretario de Acción Sindical, Juan Zas, e o secretario xeral de CCOO de Lugo, Manuel Quiñoá. Ler máis.
É inaceptable que as diferentes patronais manteñan bloqueados os convenios, situación que se arrastra desde o ano 2010. Nin se actualizaron os salarios, nin os beneficios sociais que xa incorporan os convenios doutras provincias, tales como licenzas, descansos ou reducións de xornadas.
A única mellora foi grazas aos incrementos do salario mínimo, suba na que CCOO tivemos un papel fundamenta como primeira organización sindical do Estado. O desleixo por parte das empresas e das Administracións non fai máis que incrementar a desigualdade e a precariedade das traballadoras e traballadores de Lugo e fomentar a saída de persoal para traballar noutras provincias.
Para reverter a situación, CCOO deu un primeiro paso convocando as patronais de forma inmediata mediante unha solicitude a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para estudar a posibilidade de abrir unha mesa de negociación dun convenio de comercio vario.