Nos últimos días recibimos a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ratifica en todos os seus termos a sentenza do xulgado do social de Lugo e por tanto mantén a nulidade dos calendarios de vacacións.
Neste ano e na negociación dos calendarios para o 2019, a dirección da empresa volve expor o peche por vacacións neste Parador, ao que unha vez máis o persoal a mostrado a súa oposición. Esperamos que esta sentenza de ratificación sirva para que a dirección da empresa retome o tema e se produza no Parador de Vilalba unha negociación das vacacións para o ano 2019 na normalidade e nas condicións que viña facendo até o ano 2018.
Pola representación de CCOO no Comité Intercentros este ano volvemos a expor na Comisión Paritaria nosa oposición en xeral aos peches por vacacións por consideralos negativos en moitos dos casos e que non producen os beneficios que a dirección da empresa di que producen. Esperamos que esta nova dirección teña en conta o que significa Paradores como Empresa Pública e saiba valorar os beneficios que produce un Parador aberto todo o ano máis aló do pequeno beneficio económico que poida producir a curto prazo ao pechalo por vacacións, e que en moitos casos nin sequera existe.
Felicitar aos traballadores e traballadoras de Vilalba por insistir no seu empeño e a todos os que participamos directamente en todo este proceso, desde o Servizo Xurídico de CCOO en Lugo, a Sección Sindical de CCOO en Paradores e por suposto o Delegado de Persoal do Parador.