Oficinas y Despacho de Lugo
CONVENIO COLECTIVO PARA O SECTOR DE OFICINAS E DESPACHOS DA PROVINCIA DE LUGO
CAPÍTULO I. UNIDADES DE NEGOCIACIÓN
ARTIGO 1. PARTES CONCERTANTES. A comisión negociadora do Convenio de oficinas e despachos de Lugo está integrada pola parte empresarial: Asociación de Asesores e Xestores da provincia de Lugo co 100%; e pola parte social: as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG) co 45,5%, Unión General de Trabajadores (UGT) co 27,3% e Comisións Obreiras (CC.OO.) co 27,3%.
Ámbalas dúas partes recoñécense como interlocutores válidos con lexitimación suficiente para a negociación do presente Convenio de acordo co que establece o Título III do vixente Estatuto dos Traballadores, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1995.
CAPÍTULO II. ÁMBITOS, VIXENCIA E DENUNCIA.
ARTIGO 2. ÁMBITO PERSOAL. Rexeranse polo presente Convenio a totalidade dos traballadores e traballadoras que, na actualidade ou no sucesivo, presten os seus servicios nas empresas reguladas polo ámbito funcional e situadas dentro do ámbito territorial.
ARTIGO 3. ÁMBITO FUNCIONAL. O convenio será de aplicación a tódalas empresas encadradas, ou que no futuro se encadren, nas actividades reguladas pola Ordenanza Laboral para "Oficinas e Despachos", de 31 de Outubro de 1972, hoxe derogada.
ARTIGO 4. ÁMBITO TERRITORIAL. As normas do presente Convenio serán de aplicación en toda a provincia de Lugo.
ARTIGO 5. ÁMBITO TEMPORAL E VIXENCIA. O presente convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2001, con independencia da data da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia ou Diario Oficial de Galicia.
A duración será ata o 31 de decembro de 2007, entendéndose prorrogado tacitamente por anualidades naturais de non mediar denuncia expresa das partes.
ARTIGO 6. DENUNCIA. Calquera das dúas partes poderá solicita la revisión do Convenio, formulando a denuncia do mesmo á outra parte e á autoridade laboral competente, con tres meses de antelación como mínimo á data de expiración da súa vixencia ou á de calquera das súas prórrogas.
CAPÍTULO III. REPRESENTACIÓN DAS PARTES NEGOCIADORAS.
ARTIGO 7. COMISIÓN PARITARIA. Acórdase establecer unha Comisión Paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixiancia do pactado no presente Convenio.
Esta Comisión estará formada por catro representantes da Asociación de Asesores e Xestores da provincia de Lugo; dous de CIG.; un de UGT e unde CC.OO., organizacións que figuran como asinantes do presente convenio.
Ós sós efectos de notificacións, sinálanse os seguintes enderezos:
Pola representación económica: Asociación de Asesores e Xestores da provincia de Lugo, situada na Praza de Sto. Domingo, 6 8, 20 de Lugo.
Pola representación social: Confederación Intersindical Galega (CIG), na Ronda da Muralla, 58, baixo dereita de Lugo; UGT na Ronda da Muralla, 58, 1º de Lugo e Comisións Obreiras, na Ronda da Muralla, 58, 4º de Lugo.
CAPÍTULO IV. TEMPO DE TRABALLO.
ARTIGO 8. XORNADA DE TRABALLO. A xornada de traballo distribuirase da seguinte forma:
a) Xornada de inverno: 40 horas efectivas semanais, traballadas de luns a venres, en réxime de xornada partida.
Aquelas empresas que teñan establecida xornada continuada durante todo o ano, respectarana como condición máis beneficiosa, distribuíndoa de luns a sábado.
b) Xornada de verán: 35 horas efectivas semanais, traballadas de luns a venres, en réxime de xornada intensiva ou continuada. Este réxime de xornada levarase a cabo desde o día 1 de xullo ó día 30 de setembro, ámbolos dous inclusive, agás as Asesorías Contables e Fiscais, que poderán optar, en base ás obrigas do calendario fiscal, polo periodo comprendido desde o 20 de xullo ó 12 de outubro.
Os días 24 e 31 de decembro considéranse con carácter xeral como días non laborables. No caso de que os traballadores e traballadoras teñan que prestar servizos nas datas sinaladas por razóns organizativas ou de necesidade de atención ou asistencia ó público, as empresas terán que sustituír o disfrute do descanso na datas sinaladas por outro tempo de descanso equivalente.
ARTIGO 9. PERMISOS RETRIBUÍDOS. Ós traballadores e traballadoras interesados concederáselles necesariamente os seguintes permisos retribuídos:
a) Matrimonio do traballador ou traballadora: 15 días.
b) Matrimonio de ascendentes, descendentes e colaterais ata o terceiro grao de consanguinidade e afinidade: o día no que se celebre a cerimonia.
c) Por nacemento de fillo: 3 días.
d) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave de cónxuxe e parentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade: 5 días.
e) Morte do cónxuxe, parentes de primeiro grao por consanguinidade ou afinidade e irmáns: 4 días, que se ampliarán ata 5 días se o óbito ocorrera en provincia distinta á do centro de traballo.
f) Morte de parentes de segundo grao por consanguinidade ou afinidade: 2 días. No caso de tíos, 1 día; 2 se é fora da provincia.
g) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: ata un máximo de 3 días non acumulables a vacacións. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a súa necesidade.
h) Licencia a Representantes Sindicais: estarase ó lexislado nesta materia.
i) O tempo necesario para a realización de exames en centros oficiais.
j) Para a mudanza por cambio de domicilio, 2 días.
k) Polo tempo necesario para asistencia a consulta do médico de cabeceira da Seguridade Social e asistencia a consulta médica de especialista da Seguridade Social, en ambos casos coincidindo o horario de consulta co de traballo e debendo presentar o traballador ou traballadora o volante xustificativo.
l) Polo tempo necesario para acompañamento a consulta do médico de cabeceira da Seguridade Social e asistencia a consulta médica de especialista da Seguridade Social de fillos menores de 6 anos e ascendentes maiores de 65 a cargo do traballador ou traballadora, entendéndose por tales os que convivan con él, en ambos casos coincidindo o horario de consulta co de traballo e debendo presentar o traballador ou traballadora o volante xustificativo.
m) Por
lactancia dun fillo menor de nove meses, unha hora de ausencia do
traballo que o traballador ou traballadora poderá dividir en
duas fraccións ou a unha reducción da súa
xornada en media hora ca mesma finalidade.
Os días ós que fai referencia este artigo entenderanse, en todo caso, como naturais e sen perxuízo do establecido no Estatuto dos Traballadores.
Ós efectos previstos neste artigo, as referencias feitas ó cónxuxe entenderanse feitas á parella de feito que conviva co traballador ou traballadora sempre que estea debidamente inscrita no rexistro de parellas de feito do concello correspondente.
ARTIGO 10. VACACIÓNS ANUAIS. O persoal regulado por este convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións anuais que se disfrutarán preferentemente nos meses de verán, de acordo coas necesidades da Empresa.
As quendas de vacacións serán fixadas pola Empresa e os Delegados de Persoal ou Comités de Empresa onde os haxa ou, no seu defecto, por quen designen os traballadores e traballadoras.
A data de comezo do disfrute farase coincidir cun luns laborable, agás cando se trate dun mes natural.
CAPÍTULO V. PERCEPCIÓNS ECONÓMICAS .
ARTIGO 11. SALARIO BASE. Tómase como punto de partida ós efectos de aplica-los incrementos salariais pactados para o presente Convenio a Táboa Salarial revisada do ano 2000 que se adxunta ó presente texto como Anexo I, resultado de aplicar, sobre as táboas do ano 1999, un incremento dun 4,5%.
2001.- Os salarios estabrecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2001 ó 31 de decembro de 2001 serán os recollidos na Táboa Salarial que se adxunta como Anexo II, o que supón un incremento con respecto ás táboas do ano 2000 dun 2,7%.
2002.- Os salarios estabrecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002 serán os recollidos na Táboa Salarial que se adxunta como Anexo III, o que supón un incremento con respecto ás táboas do ano 2001 dun 4%.
2003.- Os salarios estabrecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2003 ó 31 de decembro de 2003 serán os recollidos na Táboa Salarial que se adxunta como Anexo IV, o que supón un incremento con respecto ás táboas do ano 2002 dun 2,6%.
2004.- Os salarios estabrecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2004 ó 31 de decembro de 2004 serán os recollidos na Táboa Salarial que se adxunta como Anexo V, o que supón un incremento con respecto ás táboas do ano 2003 dun 3,2%.
2005.- Os salarios estabrecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2005 ó 31 de decembro de 2005 serán os recollidos na Táboa Salarial que se adxunta como Anexo VI, o que supón un incremento con respecto ás tábaas do ano 2004 dun 2,5%.
Estabrécese para o ano 2005 unha cláusula de revisión para o suposto de que o IPC real estatal do ano 2005 supere o 2%, no exceso desta cifra e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2005.
2006.- Os salarios establecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2006 ó 31 de decembro de 2006 serán o resultado de aplicar, sobre as táboas do ano 2005, o incremento salarial consistente no IPC previsto polo Goberno para o ano 2006 mais 1 punto.
Estabrécese para o ano 2006 unha cláusula de revisión para o suposto de que o IPC real estatal do ano 2006 supere o IPC previsto polo Goberno para o mesmo ano, no exceso desta cifra e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2006.
2007.- Os salarios establecidos para as distintas categorías para o período que vai dende o 1 de xaneiro de 2007 ó 31 de decembro de 2007 serán o resultado de aplicar, sobre as táboas do ano 2006, o incremento salarial consistente no IPC previsto polo Goberno para o ano 2007 mais 1 punto.
Estabrécese para o ano 2007 unha cláusula de revisión para o suposto de que o IPC real estatal do ano 2007 supere o IPC previsto polo Goberno para o mesmo ano, no exceso desta cifra e con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2007.
Abono de atrasos.- Para o abono dos atrasos correspondentes ós que haxa lugar como consecuencia da pubricación do presente Convenio estabrécense os seguintes prazos:
Tres meses dende a firma do presente Convenio para o abono dos atrasos correspondentes ós anos 2001 e 2002, así como, no seu caso, dos atrasos correspondentes á revisión das táboas salariais do ano 2000.
Seis meses dende a firma do presente Convenio para o abono dos atrasos correspondentes ós anos 2003, 2004 e ás mensualidades do ano 2005 ata a pubricación do presente Convenio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo ou Diario Oficial de Galicia.
ARTIGO 12. REMUNERACIÓN ANUAL. En cumprimento do que dispón o artigo 26.5 do vixente Estatuto dos Traballadores detállanse na segunda columna das Táboas Salariais anexas os salarios no seu cómputo anual, en función da xornada efectiva pactada no presente Convenio.
ARTIGO 13. ANTIGÜIDADE. Establécese un complemento persoal de antigüidade para tódalas categorías, consistente en TRIENIOS por un importe do 6% do salario base, a devengar desde o día primeiro de mes no que se cumpra o trienio.
En todo caso, seguiranse percibindo as cantidades que se tiveran devengadas en concepto de antigüidade á data de entrada en vigor deste convenio.
A acumulación dos incrementos por antigüedade non poderán, en caso ningún, supoñer máis do 60%.
ARTIGO 14. GRATIFICACIÓNS EXTRAORDINARIAS E PARTICIPACIÓN EN BENEFICIOS. Os traballadores e traballadoras ó servicio das empresas afectadas polo presente Convenio, percibirán tres gratificacións extraordinarias cada ano: unha no mes de xullo, outra no mes de setembro, e a terceira no mes de decembro. O importe de cada unha delas será dunha mensualidade de salario base máis antigüidade.
Así mesmo, e en concepto de participación en beneficios, os traballadores e traballadoras percibirán unha paga máis no mes de marzo de cada ano, calculada de igual forma que as anteriores.
O persoal que ingrese ou cese na Empresa durante o transcurso do ano, percibirá as gratificacións extraordinarias e a participación de beneficios en proporción ó tempo traballado.
Aqueles traballadores ou traballadoras que polos conceptos anteriores veñan percibindo das empresas o importe correspondente a unha mensualidade do seu salario real, seguirán excepcionalmente coas mesmas condicións por ter carácter máis beneficioso.
As pagas correspondentes ós meses de marzo e setembro poderán ratearse ó longo do ano á decisión das empresas.
CAPÍTULO VI. CONCEPTOS EXTRASALARIAIS.
ARTIGO
15. AXUDAS DE CUSTO E DESPRAZAMENTOS. Todo traballador ou
traballadora con dereito a axuda de custo por ter que efectuar
saídas con motivo do traballo fóra do concello no que
radique o centro de traballo percibirá, a partires da
publicación do presente Convenio no Boletín Oficial da
Provincia de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, á elección
da empresa, e previa comunicación ó traballador do
sistema a seguir, ou ben gastos a justificar ou ben as contías
que figuran a continuación:
Comidas: 15 euros/xantar ou cea.
Pernocta: 30 euros/noite.
ARTIGO 16. PLUS DE TRANSPORTE. Establécese para tódalas categorías profesionais un plus de transporte por mes efectivamente traballado nas seguintes contías:
2001.- 33,95 euros/mes
2002.- 35,31 euros/mes
2003.- 36,23 euros/mes
2004.- 37,39 euros/mes
2005.- 38,32 euros/mes
Para os anos 2006 e 2007 a contía do plus de transporte será o resultado de aplicar, sobre o importe do plus do ano anterior, os incrementos pactados no artigo 11 do presente Convenio.
ARTIGO 17. GASTOS DE LOCOMOCIÓN OU QUILOMETRAXE. O traballador ou traballadora que, por necesidades do servicio, teña que desprazarse fóra do lugar onde radique o seu centro de traballo empregando o seu vehículo particular, percibirá por este concepto a partires da publicación do Convenio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo ou Diario Oficial de Galicia a contía de 0,17 euros/quilómetro.
CAPÍTULO VII. CADROS DE PERSOAL, ASCENSOS E CESES
ARTIGO
18. CADROS DE PERSOAL. As Empresas reguladas por este Convenio
axustarán os seus cadros de persoal ás seguintes
normas:
a) Os empregados ou empregadas que teñan directamente baixo a súa responsabilidade a quince ou máis traballadores e traballadoras dos grupos titulados administrativos ou técnicos, clasificaranse como Xefes ou Xefas Superiores.
b) En dependencias con dez ou máis traballadores dos grupos nomeados no apartado anterior, o empregado ou empregada que se atope á fronte dos mesmos terá a categoría de Xefe ou Xefa de Primeira.
c) Nos centros de traballo onde presten os seus servicios un número de sete traballadores e traballadoras dos grupos xa nomeados anteriormente ou, no suposto de que sendo menos de sete exista un mínimo de tres clasificados como Oficial ou asimilado, estará á fronte dos mesmos un Xefe ou Xefa de Segunda.
ARTIGO 19. ASCENSOS.
Oficiais.- Tódalas empresas reguladas polo presente convenio están obrigadas a dispoñer nos seus cadros de persoal como mínimo dun número de oficiais de primeira igual ó vinte por cento do total de oficiais.
A elección dos novos oficiais de primeira é facultade exclusiva do empresario. Para o seu cómputo, terase en conta a fracción decimal que supere o 0,50.
Auxiliares Administrativos.- Os auxiliares administrativos con catro anos de servicio nesta categoría dentro da empresa pasarán automaticamente á categoría de oficial de segunda administrativo.
Ordenanza.- O ordenanza, ós catro anos de servicio na empresa pasará automáticamente á categoría de conserxe, e ós nove anos, á de conserxe maior.
Auxiliar Especialista de Oficina.- O auxiliar especialista de oficina con mais de tres anos na súa categoría dentro da empresa, ascenderá automaticamente á categoría de calcador.
Cobradores.- Os cobradores ó cumprir dez anos de antigüidade na súa categoría dentro da empresa, asimilaranse exclusivamente a efectos económicos ós oficiais de segunda administrativos.
Aspirantes.- Os aspirantes con dous anos de servicio nesta categoría dentro da empresa pasarán automáticamente á categoría, ben de auxiliar especialista de oficina, ben de auxiliar administrativo.
ARTIGO 20.- PREAVISO PARA O CESE.- O traballador ou traballadora que desexe cesar voluntariamente no servicio á empresa virá obrigado a poñelo en coñecemento do empresario por escrito cumprindo un prazo de preaviso dun mes para traballadores e traballadoras ca categoría de licenciados e diplomados universitarios e de quince días para o resto dos traballadores e traballadoras.
O incumprimento por parte do traballador ou traballadora da obriga de preavisar coa indicada antelación dará dereito ó empresario a descontar da liquidación de salarios o importe do salario, incluído o rateo das pagas extraordinarias, dun día por cada día de retraso no preaviso.
CAPÍTULO VII. ACCIÓN SINDICAL.
ARTIGO 21. DEREITOS SINDICAIS. En todo o concernente ós aspectos sindicais dentro e fóra das empresas, estarase ó que sobre esta materia dispón o vixente Estatuto dos Traballadores e a Ley Orgánica 11/1985, do 2 de agosto de Libertade Sindical.
CAPÍTULO IX. CONTRATACIÓN
ARTIGO
22. CONTRATACIÓN EVENTUAL. No uso da posibilidade
prevista no Artigo 15.1.b do Estatuto dos Traballadores, modificado
por Real Decreto-Ley 8/1997, no ámbito de aplicación
do presente Convenio poderanse concerta-los contratos eventuais
previstos en tal artigo cunha duración máxima de doce
meses dentro dun periodo de 18 meses. No caso de concertarse tales
contratacións por prazo inferior a doce meses, poderán
ser prorrogadas mediante acordo das partes sin que a duración
total do contrato poida exceder do dito límite máximo.
CAPÍTULO X. CÓMPUTOS E VINCULACIÓN
ARTIGO 23. COMPENSACIÓN E ABSORCIÓN. As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, por tanto, absorverán e compensarán no seu conxunto as melloras de calquera tipo que viñeran anteriormente satisfacendo as empresas, ben sexa por imperativo legal, convenio colectivo, etc.
ARTIGO 24. VINCULACIÓN Á TOTALIDADE. Como se cita no artigo anterior, as condicións establecidas no presente convenio e pactadas polas partes deliberadoras do mesmo, forman un todo orgánico e indivisible. En consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou varias normas con esquecemento das restantes, senón que, a tódolos efectos, o presente convenio aplicarase e observarase na súa totalidade.
No suposto de que a Autoridade Laboral ou Xurisdicción competente, no exercicio das súas facultades, declarase nulo total ou parcialmente algún artigo, quedará o presente convenio invalidado na súa totalidade, levándose a cabo unha nova negociación.
CAPÍTULO XI.- ACCIÓN SOCIAL
ARTIGO 25. INCAPACIDADE TEMPORAL (I.T.). No suposto de baixa derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, as empresas afectadas por este Convenio estarán obrigadas a aboar ó traballador ou traballadora nesta situación o 100% do salario real do traballador ou traballadora correspondente no momento de producirse a baixa.
No suposto de baixa derivada de accidente non laboral ou enfermidade común, as empresas afectadas por este Convenio estarán obrigadas a aboar ó traballador ou traballadora nesta situación o 100% do Salario estabrecido no presente Convenio no momento de producirse a baixa.
ARTIGO 26.- PÓLIZA DE SEGUROS.- As empresas están obrigadas a concertar, con primas íntegras ó seu cargo, unha póliza de seguros que cubra os riscos de falecemento e invalidez permanente nos graos de total, absoluta e grande invalidez.
A partires dos dous meses, a contar dende a publicación do presente Convenio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo ou Diario Oficial de Galicia, as coberturas da póliza á que se fai referencia no presente artigo serán as seguintes:
Falecemento: 15.000 euros.
Invalidez permanente: 21.000 euros.
Do mesmo prazo disporán as empresas de nova creación dende a data de inicio da actividade.
ARTIGO 27. REVISIÓNS MÉDICAS. Tódalas empresas vinculadas ó presente Convenio Colectivo estarán obrigadas a solicitar do Gabinete Técnico Provincial de Seguridade e Hixiene no Traballo ou da Mutua Patronal que cubra o risco de accidentes de traballo un recoñecemento médico anual para todo o persoal. O tempo empregado para dito recoñecemento aboarase pola empresa.
En todo caso, e dado que a normativa en vigor en materia de prevención de riscos laborais obriga ó empresario á vixilancia da saúde, haberán de realizarse os recoñecementos médicos que resulten aconsellables en función da avaliación de riscos realizada na empresa.
ARTIGO 28.- SEGURIDADE E SAÚDE NO TRABALLO
a) Seguridade e Saúde no Traballo.- De conformidade co disposto na Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais, os traballadores e traballadoras teñen dereito a unha protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo. O citado dereito supón a existencia dun correlativo deber da empresa na protección dos traballadores e traballadoras ó seu servicio fronte ós riscos laborais.
No cumprimento do deber de protección, a empresa deberá garantir a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras ó seu servicio en tódolos aspectos relacionados co traballo. Igualmente a empresa está obrigada a garantir a información e formación práctica e adecuada nestas materias a tódolos traballadores e traballadoras.
Mais en concreto, no cumprimento do deber de protección, a empresa deberá establecer un Plan de Prevención no que se recolla a planificación da actividade preventiva da empresa e deberá asimismo proporcionar unha protección e vixiancia adecuada da saúde dos traballadores e traballadoras de acordo co disposto na Lei de Prevención de Riscos Laborais e outras normas de desenvolvemento da mesma, tales como o Real Decreto 486/1997, de seguridade e saúde nos lugares de traballo e o Real Decreto 488/1997, relativo a pantallas de visualización.
Corresponde a cada traballador e traballadora velar polo cumprimento das medidas de prevención que en cada caso sexan adoptadas.
b) Especial protección por embarazo ou parto.- No marco sinalado nos parágrafos anteriore,s a avaliación de riscos, á que obriga a normativa en vigor en materia de prevención de riscos laborais, deberá comprender no seu caso a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influir negativamente na saúde das traballadoras ou do feto. Se os resultados de tal avaliación revelasen un risco para a seguridade e saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactancia das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición a dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada.
c) Comisión Paritaria de Seguridade e Saúde no traballo.- As partes firmantes acordan constituír unha Comisión Paritaria Provincial Sectorial de Seguridade e Saúde no traballo integrada por catro representantes de cada una das partes firmantes. Pola parte empresarial 4 da Asociación de Asesores e Xestores da provincia de Lugo e pola parte sindical 2 da CIG, 1 de UGT e 1 de CC.OO.
Ambas representacións comprométense a manter reunións por convocatoria de calquera das partes con 15 días de antelación. Así mesmo as partes firmantes comprométense á elaboración dun Regulamento de funcionamento da Comisión no que constará que as funcións básicas da mesma terán como obxectivos prioritarios polo menos os seguintes:
11.- Promove-la observancia das disposicións legais vixentes para a prevención dos riscos profesionais no ámbito do sector.
21.- Prestar asesoramento ós empresarios e traballadores e traballadoras para evitar e/ou reducir os riscos que atenten contra a integridade física e saúde destes.
31.- Dar a coñecer as normas e procedementos que en materia de Seguridade e Saúde no traballo dicten os organismos competentes nesta materia.
41.- Cantas outras funcións se atribúa a Comisión orientadas ó desenvolvemento e mellora da seguridade e saúde no traballo no sector de oficinas e despachos da provincia de Lugo.
ARTIGO 29. CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL
As partes firmantes do presente Convenio consideran esencial o fomento da armonización ou conciliación da vida familiar e laboral e promover a igualdade de oportunidades e de trato entre homes e mulleres.
Maternidade.- De conformidade co establecido na lexislación, no suposto de parto, a traballadora terá dereito a un descanso de 16 semanas ininterrumpidas ampliables, no caso de parto múltiple, en 2 semanas mais por cada fillo a partires do segundo. Este descanso será distribuido pola interesada sempre que 6 semanas se disfruten inmediatamente despois do parto.
O descanso por maternidade poderá disfrutarse por parte da nai e do pai nos termos estabrecidos na lexislación.
No caso de adopción ou acollemento o descanso poderá ser solicitado pola nai e polo pai nos termos previstos la lexislación.
Reducción da xornada por coidado de familiares.- Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou un minusválido físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe unha actividade retribuida, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, cá disminución proporcional do salario, entre, a lo menos, un tercio e un máximo da mitade da duración de aquéla.
Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo de un familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermedade non poda valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuida.
Excedencia por coidado de menores.- O traballador ou traballadora terá dereito a disfrutar de excedencia para o coidado de fillos, tanto o sexan por natureza como adoptivo, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, cuia duración máxima será de tres anos a contar dende a data de nacemento do fillo ou, no seu caso, da resolución administrativa ou xudicial.
Os sucesivos fillos darán dereito a un novo periodo de excedencia que, no seu caso, porá fin á que se viñera disfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un de eles poderá exercitar este dereito.
En tal caso o traballador ou traballadora terá dereito, durante o primeiro ano de excedencia, á reserva do seu posto de traballo, e durante o resto da excedencia dereito á reserva dun posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente, sendo todo o período de excedencia computable ós efectos de antigüidade.
Excedencia por coidado de parentes.- O traballador ou traballadora terá dereito a disfrutar de excedencia, cuia duración máxima será dun ano, para atender o coidado dun parente ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, ou discapacidade, non poda valerse por sí mesmo, e sempre que non desempeñe actividade retribuida.
No caso de que un novo suxeito causante dé dereito a un novo periodo de excedencia, o inicio de esta porá fin á que se viñera disfrutando.
En tal caso o traballador ou traballadora terá dereito, durante o ano de excedencia, á reserva do seu posto de traballo, sendo todo o periodo de excedencia computable ós efectos de antigüidade.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA.- Aqueles traballadores e traballadoras que estean en proceso de consolidación do ascenso de oficial de 2ª a oficial de 1ª que se recollía no artigo 19 do Convenio Colectivo para o Sector de Oficinas e Despachos da Provincia de Lugo con vixencia dende o 1 de xaneiro de 1999 ó 31 de decembro de 2000, terán dereito a que se lles recoñeza dito ascenso sempre que se cumpran as condicións para o mesmo antes do 1 de xaneiro de 2008.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA.- As partes asinantes desde Convenio manifestan a súa vontade de contribuír á normalización do idioma galego e apoiar canto axude a tal obxectivo. Nese senso acordan redactar e dar trámite de publicación ó Convenio en galego, así como propiciar o seu uso nas relacións laborais no ámbito das empresas do sector.
DISPOSICION FINAL PRIMEIRA.- No non establecido de forma expresa no presente Convenio aplicarase a Ordenanza Laboral para Oficinas e Despachos, do 31 de outubro de 1972, hoxe derrogada, en tanto en canto non sexa sustituída por un Acordo Marco estatal ou autonómico.
DISPOSICIÓN FINAL SEGUNDA: UNIDADES DE NEGOCIACIÓN.- A representación das partes que negociaron, aproban e subscriben o texto desste Convenio, está constituida da seguinte forma:
Pola parte empresarial:
Pola parte social:
Infórmate
CCOO Servicios es un sindicato, es Comisiones Obreras en los sectores de Comercio, Financiero, administrativo, de las TIC, Hostelería, Contact-center, Oficinas, Turismo... Leer más
Síguenos en Telegram
Dónde estamos
OFICINAS CENTRALES
C/ Albasanz, 3 1º Planta
28037 Madrid
Tel: 91 540 92 82
Asesoría Madrid 91 536 51 63-64
Otras Comunidades
Fax: 91 559 71 96
Email: contacta@servicios.ccoo.es