Para Pérez, sen ningunha dúbida, «hoxe é un gran día para este país. Un país do que sentirían un orgullo inmenso Eduardo Blanco Amor, o seu amigo Federico García Lorca, Marcela Gracia Ibeas, Elisa Sánchez Loriga e tantas persoas anónimas que sofren acoso LGTBI+». A secretaria xeral engade: «Hoxe gañamos dereitos para as persoas LGTBI+, homes e mulleres que sufriron e sofren unha discriminación histórica, non só no ámbito privado, senón tamén no laboral».
CCOO é unha organización social lexitimada na mellora das condicións de traballo das persoas LGTBI+. O acordo tripartito asinado por CCOO serve de exemplo a quen, na nosa terra, critica os adiantos que se alcanzan no Estado. Convidamos a estas persoas a incorporarse ao diálogo e seguir traballando para acadar novos dereitos.
Como recorda Amelia Pérez, «o acordo contra a discriminación das persoas LGTBI+ no ámbito laboral pon de manifesto que, a pesar dos discursos rancios e retrógradas dalgúns, a maioría social está no século XXI e non no pasado. Hoxe por fin avanzamos no cumprimento total do artigo 14 da CE».
O acordo será obrigatorio para as empresas de máis de 50 persoas traballadoras e voluntaria para o resto, e as medidas incluiranse nos convenios colectivos. Estas abarcarán, polo menos, as seguintes materias: igualdade de trato e non discriminación; acceso ao emprego, clasificación e promoción profesional; formación, sensibilización e linguaxe, revisión dos permisos e beneficios sociais para que estes sexan inclusivos. Tamén se incluirán sancións no réxime disciplinario.
A futura norma recolle ademais a obriga de incluír, en todos os casos, un protocolo contra o acoso e a violencia no que se articulen mecanismos de actuación fronte a eles.
Segundo se establece, a constitución da mesa negociadora debe producirse dentro do prazo máximo dos tres meses seguintes á entrada en vigor do real decreto. Será nos convenios de empresa, cando existan, ou no supraempresarial (de non existir convenio de empresa) onde se adoptarán as medidas máis pertinentes, adaptadas á realidade de cada sector e empresa.
Canle para contactar ou presentar denuncias sobre discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero, ao Observatorio LGBTIQ+: observatoriolgtbi@xunta.gal