A delegación de CCOO-Servizos estivo integrada pola secretaria xeral, Lucía Trenor, pola responsable da sección sindical do Banco Popular, Carmen Peteiro, e polo responsable do sector financeiro de CCOO, Francisco Villares. Os voceiros sindicais alertaron das «graves» repercusións sociais que para a nosa terra tería o desmantelamento dunha entidade financeira «netamente galega» e pedíronlles aos partidos políticos que se impliquen na defensa do emprego e das condicións laborais.
CCOO-Servizos estendeu esa petición tanto aos postos de traballo directos- case o 12 % do persoal do Popular, unhas 1430 persoas, está en Galicia-, como ás empresas vinculadas -comercializadoras do parque inmobiliario do banco, centros de chamadas, etc.-, que suman unhas 500 persoas.
Reacción do PSdeG
A delegación do Grupo Parlamentario Socialista afirmou «comprender e asumir» a complexidade da situación. Así mesmo, amosou a súa «receptividade e colaboración» tanto no eido parlamentario como no político-social.
Traballo coordinado de CCOO
CCOO-Servizos ten a representación maioritaria no ámbito estatal e autonómico nas empresas afectadas, isto é, tanto nos dous bancos como nas empresas que lles prestan servizos. Así mesmo, todas as seccións sindicais implicadas están a traballar coordinadamente desde que se coñeceu a operación de compra.
Isto entra no calendario de encontros, que se estenderán á dirección do Banco Santander e Universal Support -centro de chamadas con máis de 200 persoas afectadas- tamén nesta semana.