Sabio e Rodríguez coidan que a data de hoxe é «histórica» e marcará «un antes e un despois» na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa «o total rexeitamento» da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. «As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades», denuncian as dirixentes sindicais.
Contra o «teito de cristal»
As secretarias da Muller de CCOO e UGT denuncian a «discriminación laboral e salarial» das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a brecha salarial é de 22 puntos, polo que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibiren o mesmo salario que os homes nun ano. Tamén critican a existencia dun «teito de cristal» que é a causa de que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.
A «praga» da violencia machista e do acoso
Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes «pragas» da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, foron asasinadas 49 mulleres e 8 nenos e nenas. O recente Pacto de Estado contra a violencia demóstrase insuficiente e case non recolle medidas de carácter laboral, que son «fundamentais» ?en opinión dos sindicatos? para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.
Rodríguez e Sabio lembran tamén a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, «as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego», lamentan.