Para CCOO, esta OPA hostil ten implicacións adicionais e máis preocupantes respecto do que tivera suposto unha fusión acordada. Lonxe de ser a última concentración do período anterior, pode ser a primeira dunha nova etapa de concentracións, impulsada pola exuberancia dos beneficios, que aumentaría os problemas de competencia, cohesión territorial e exclusión financeira.
Desde o sindicato lémbrase que o proceso de reestruturación do sector tras a crise de 2008, cun axuste do 44% do emprego e o 61% das oficinas, non só tivo implicacións en termos oligopolísticos e de servizo, senón graves consecuencias nas condicións laborais dos cadros de persoal, cun insustentable empeoramento do clima laboral, con moita maior presión comercial e carga de traballo.
Un proceso de reestruturación que, convén lembrar, alzou a estes grandes Bancos cunha inxente transferencia de fondos públicos (no caso de BBVA, Catalunya Caixa requiriu máis de 12.000 millóns de euros para a súa viabilidade e UNNIM case 3.000).
Por iso, ante este anuncio e no caso de que a OPA finalmente frutifique, CCOO esixe:
- Medidas a cargo dos reguladores e supervisores do sector financeiro, orientadas a garantir que este tipo de operacións non agudicen aínda máis os problemas derivados da concentración, exclusión e falta de competencia, con regulacións que garantan a inclusión financeira, o crédito á economía e unha mellor remuneración do aforro.
- Un Acordo laboral que protexa as condicións e o emprego dos dous cadros de persoal, con:
- Garantías de emprego.
- Mecanismos de substitución xeracional con saídas voluntarias e creación de emprego.
- Preservación e mellora das condicións salariais e laborais.
- Proxecto de empresa con viabilidade futura.
- Que se dea unha saída xusta á negociación do Convenio Colectivo sectorial, acorde cos excelentes resultados do sector.
CCOO, en definitiva, no caso de que finalmente a operación saíse adiante, esixiría con aínda maior firmeza que a mesma se fixese con garantías laborais concretas e pactadas por escrito, á vez que emprazamos aos supervisores e reguladores para que pasen das declaracións aos feitos, adoptando medidas antimonopolio de presente e de futuro, para que este tipo de operacións non agudicen aínda máis o impacto para a sociedade, a clientela e o persoal dos procesos de concentración, falta de competencia e empeoramento do clima laboral.